A Comisión de centro do CHUAC convoca concentración xoves 27 de outuro ás 12h diante da porta do Hospital Abente e Lago

  • A Coruña

Denucian a falta de profesionais

A Comisión de centro do CHUAC, da que a CIG-Saúde Coruña ten a presidencia, denuncia o déficit de celadoras/es e TCAEs que hai no hospital Abente e Lago.

Tras varias reunións mantidas coa Xerencia, esta non recoñece este déficit nin contrata ao persoal necesario para palialo.

Os/as pacientes que ingresan nas unidades do hospital Abente e Lago soen ser de idades moi avanzadas, dependentes e con pluripatoloxías. Son pacientes que precisan de coidados para axudar a comer, levantarse, deitarse, lavarse, polo que é imprescindible dispoñer dos recursos materiais e humanos para poder realizalo.

Mais isto non é o acontece neste hospital, a Xerencia, está “aforrando” en persoal, nomeadamente celadores/as e TCAEs, o que está levando aos profesionais que están a traballar arreo e nunhas condicións de traballo que afectan a súa saúde. E non só iso, as/os pacientes están tendo retrasos no aseo, para levantarse, pasan horas na cama sen poder darlles a atención que precisan por non ter profesionais para realizalo.

Estamos a falar de dúas categorías profesionais onde hai paro, hai profesionais dispoñibles para incorporarse agora mesmo ao traballo, co que só podemos entender que a negativa da Xerencia é unha cuestión de “aforro”.

Ademais disto, a Xerencia mantén pechada a 4º planta deste hospital o que está levando a ingresar en habitacións de dúas camas unha terceira. Isto condiciona o traballo que se realiza xa que non hai espazo suficiente para poder realizalo en condicións seguras tanto para o paciente como para o persoal.

Esta situación tan grave é a que leva á Comisión de Centro do CHUAC a convocar un calendario de concentracións que se inicia este xoves 27 ás 12h e que continuará nos vindeiros xoves diante do Hospital Abente e Lago.


Non imos parar ata que a Xerencia recoñeza o déficit de persoal e poña os recursos necesarios para evitalo. Non podemos permitir que se aforre coa nosa saúde e a das/os nosos/as pacientes!!

Volver