A prescrición enfermeira en Galiza

  • AgEnfermeira
  • Sanidade Pública

A Agrupación enfermeira de CIG-Saúde congratúlase de que despois de seis anos da publicación do decreto de prescrición enfermeira, se publique no SERGAS o procedemento para a acreditación das enfermeiras para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

Para a profesión enfermeira supón o recoñecemento ao traballo para o cal xa estabamos capacitadas, e así o demostra o propio procedemento, que outorga a correspondente acreditación  cunha experiencia mínima de un ano.

Dende a Agrupación enfermeira entendemos que este procedemento supón un paso máis para que se desenvolva unha carteira de servizos propia en cada ámbito, onde a enfermeira poida desenvolver as súas competencias con autonomía.

Hoxe publicouse no DOG a ORDE do 9 de xullo de 2021 pola que se regula e se inicia o procedemento para a acreditación das/dos enfermeiras/os para a indicación, uso e autorización da dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano.

Este procedemento é de aplicación a todas as enfermeiras que desenvolvan a súa actividade profesional en Galiza, sexa no ámbito público ou no privado. Pero tamén a todas aquelas que non estean a traballar neste momento e que teñan a súa residencia habitual en Galiza.

Requisitos:

  • Estar en posesión do título de grao ou diplomatura en Enfermaría, ou de Axudante Técnico/a Sanitario/a, ou equivalente, ademais do título de Enfermeiro/a Especialista.
  • Cumprir algún dos seguintes requisitos:
    1º. Ter unha experiencia profesional acreditada mínima dun ano.
    2º. Ter superado o curso de adaptación ofrecido pola Administración sanitaria de maneira gratuíta que implique a adquisición das competencias necesarias para indicar, usar e autorizar a dispensación de medicamentos e produtos sanitarios de uso humano, de acordo co previsto nos puntos 1.a) e b) do anexo I do Real decreto 954/2015, do 23 de outubro.

Procedemento:

  • O SERGAS iniciarao de oficio.
  • Condicións:

a) Estar dadas de alta na Oficina Virtual do Profesional (sistema informático Fides/expedient-e).
b) Ter debidamente rexistrados e acreditados documentalmente no dito sistema informático os requisitos indicados anteriormente.

  • Resolucións:

Emitiranse con carácter trimestral especificando o ámbito de aplicación (coidados xerais e/ou coidados especializados).

Estarán a disposición da enfermeira no seu FIDES.

Curso de adaptación:

- Será programado polo ACIS e será gratuíto. A primeira convocatoria sairá publicada no DOG.

Volver