A XERENCIA DA ÁREA SANITARIA DA CORUÑA QUITA A ÚNICA MÉDICA QUE ESTABA SUBSTITUÍNDO NO C.S. DE CARBALLO PARA ENVIALA A OUTRO CENTRO DE SAÚDE DA ÁREA

SITUACIÓN LÍMITE NO CENTRO DE SAÚDE DE CARBALLO CON 9 MÉDICOS TRABALLANDO DE 16 NA QUENDA DE MAÑÁ

  • A Coruña

Por desgraza levamos anos acostumándonos a vivir situacións límite nos centros de saúde durante os veráns, ante a falta de cobertura das vacacións do persoal, pero a situación que se vive no centro de saúde de Carballo estes días é totalmente inadmísibel para CIG-Saúde. Resulta que había unha única médica substituíndo nun cupo que está sen médico desde hai moitos meses, de feito ese cupo estivo sen cobertura desde o pasado mes de novembro e ata o mes de abril cando foi contratada esa profesional. Pois a Xerencia da Área Sanitaria da Coruña decidiu obrigar a esta profesional a desprazarse a outro centro a cubrir outr@s profesionais, deixando novamente ese cupo descuberto e unha situación neste  centro realmente inadmisíbel, con 9 profesionais de 16 traballando na quenda de mañá. A axenda do cupo médico que substituía a profesional desprazada bloqueouse, sen poder polo tanto citar pacientes durante toda esta semana, vendo os poucos profesionais que quedan traballando as urxencias dese cupo e os outros 6 cupos descubertos ademáis dos seus pacientes citados e as urxencias dos seus respectivos cupos.

Esta é a situación dantesca que cada verán se vive na Atención Primaria da sanidade pública galega, a situación límite á que nos levaron todos estes anos de recortes e abandono, mais o vivido esta semana no Centro de Saúde de Carballo sobrepasa todos os límites, mesmo poderiamos consideralo un desprezo á poboación de Carballo á que se lle priva da única profesional médica que estaba substituíndo para enviala a outro centro da área.

Carballo, 20 de xullo de 2020

Asdo. Xoán M. Sande Muñíz

CIG-Saúde A Coruña

Volver