CIG-Saúde Compostela/Barbanza denuncia na Inspección os reiterados incumprimentos da Xerencia de Santiago nas medidas de prevención
A Inspección xa requirira á EOXI a adopción dunha serie de actuacións para garantir a saúde e seguridade do persoal sanitario
- Santiago
Santiago de Compostela, a 16 de xuño de 2020
A CIG-Saúde vén de presentar denuncia na Inspección de Traballo informando dos incumprimentos por parte da Xerencia da área sanitaria de Santiago e Barbanza sobre as medidas de prevención e seguridade a respecto da Covid19, que xa lle foran requiridas pola autoridade laboral. A Federación de CIG- Saúde de Compostela e Barbanza advirte tamén que, de non corrixirse estas deficiencias, non se descarta presentar denuncia en vía xudicial e iniciar as accións legais oportunas.
O pasado 19 de maio, explican, a Inspección de Traballo remitiu dilixencia á EOXI requiríndolle que adoptara unha serie de medidas para garantir a seguridade e a saúde do persoal sanitario ante a pandemia da Covid19. Entre outras cuestións, CIG-Saúde Compostela e Barbanza, advirte que non se está a facer unha avaliación de riscos por postos de traballo, senón de maneira xenérica por unidades completas, diferenciando unicamente as covid, das non covid.
"Deste xeito, incúmprense co establecido no protocolo ministerial, pois non se fixeron as avaliacións nin por postos de traballo, nin por tarefas, nin tampouco constan nas mesmas os diferentes escenarios de exposición (isto é, exposición de risco, exposición de baixo risco ou baixa probabilidade de exposición) nos que se poden atopar os traballadores e traballadoras e en función disto, establecer as medidas preventivas adecuadas", indican.
Sen rexistro dos EPI que se entregan
A respecto do uso de máscaras e outros equipos de protección individual (EPI), CIG-Saúde Compostela e Barbanza, alerta que non se está a levar a cabo un control de rexistro de entrega de EPI aos traballadores e traballadoras, polo que non hai constancia documental dos medios que se lle dan, modelo, tipo, en que data, con que frecuencia, vida útil do equipamento, etc. Este rexistro, engaden, "sería unha boa maneira de constatar que o EPI que se lle entrega ao persoal é o que corresponde segundo a avaliación de riscos, e non outro diferente que non cumpre a normativa, como xa ocorreu en diversas ocasións".
Neste senso, lembran que nos momentos máis duros da pandemia obrigouse ao persoal de urxencias e das unidades críticas, a reutilizar máscaras até 3 días consecutivos, sen ningún tipo de desinfección entre uso e uso, poñendo así gravemente en risco a saúde dos traballadores e das traballadoras.
A Xerencia non elabora os plans de continuidade
Xunto a isto, explican que, malia o requirimento da Inspección, seguen sen elaborarse os plans de continuidade que garanta o mantemento da actividade asistencial ante o incremento das baixas laborais e nun escenario de aumento do risco de transmisión no centro de traballo. "A día de hoxe non houbo ningunha comunicación por parte da Xerencia, nin vontade de afrontar o tema", lamentan.
Ademais, a Xerencia tampouco trasladou informe á representación social, a pesar de telo solicitado repetidas veces, das de incidencias e accidentes rexistrados na área sanitaria e cales son as súas causas.
Á vista da inacción da Xerencia de Xestión no cumprimento do requirido pola Inspección de Traballo, e na perspectiva da posibilidade dun rebrote do virus no outono, a CIG-Saúde Compostela e Barbanza, non descarta iniciar todas as accións legais que sexan necesarias na defensa da seguridade e saúde dos traballadores e traballadoras da área sanitaria.
NON PENSEI QUE DAR VIDA QUITARÍAME A MIÑA!
Un cordial saúdo.
CIG-Saúde Compostela e Barbanza