CIG-Saúde Compostela demanda a creación de prazas de terapeuta ocupacional na área sanitaria

Concentráronse diante do Hospital Psiquiátrico de Conxo para visibilizar esta especialidade

  • Santiago

CIG-Saúde de Compostela desenvolveu esta mañá, coincidindo co Día da Terapia Ocupacional, unha concentración simbólica para chamar a atención sobre a importancia desta figura e demandar do SERGAS a cobertura con persoal suficiente para atender as necesidades da poboación, como recolle a carteira de servizos. Xunto a isto reclamou que se resolvan as carencias estruturais, porque onde si hai terapeutas ocupacionais, como no Hospital Psiquiátrico de Conxo, “teñen que realizar a súa actividade nunha sala que ten pingueiras cando chove”.

Así o explicou Irene Tato, da CIG-Saúde, quen salientou que a terapia ocupacional atinxe un campo moi amplo que non está cuberto porque a carteira de servizos “realmente non se está a cumprir”.

Para exemplificar a falta deste persoal fixo referencia á unidade de Ictus. “Debería contar cun equipo multidisciplinar e axeitado para a atención e asistencia”, dixo, “porque está demostrado que unha abordaxe terapéutica precoz dispensada por un equipo multidisciplinar é moito máis eficaz para que a/o doente alcance o máximo nivel de integración social e teña unha pronta recuperación”.

Tato denunciou que, porén, “non se contempla por parte desta xerencia crear prazas para que a terapia ocupacional forme parte da carteira de servizos que ofrece o SERGAS e dar unha asistencia de calidade ás necesidades que ten a poboación”.

Segundo a representante da CIG-Saúde, o mesmo ocorre coa implantación do Plan Galego de Saúde Mental ou en unidades e servizos adicionais como os que se están creando, entre os que apuntou salas novas de rehabilitación, atención socio-sanitaria ou unha nova unidade de coidados domiciliarios. Casos nos que “tampouco hai un plan funcional onde se recollan equipos multidisciplinares e se conte coa terapia ocupacional”.

Por iso demandou un estudo pormenorizado de necesidades, que “a Xerencia non está a facer”,  para que as  distintas unidades conten con estas/estes profesionais, dos que agora carecen, como a UCI, a unidade de paliativos, medicina interna ou pediatría, entre outras.

Rehabilitación física, atención temperá ou saúde mental

Pola súa banda Raquel García González, terapeuta ocupacional da Área Sanitaria de Santiago, aínda que recoñeceu que a terapia ocupacional no último ano foi crecendo, si considerou que quedan numerosas áreas por cubrir. Entre outras sinalou todo no campo da rehabilitación física, saúde mental, ou atención temperá onde “reforzaron a actividade da persoa terapeuta nas intervencións na UCI, sobre todo co tema da pandemia, en hospitais concertados, mais nos hospitais públicos aínda non”.

García González demandou tamén a cobertura con terapeutas noutras áreas nas que aínda non contan con estes profesionais como medicina interna, hospitalización, nos programas de saúde mental ou no Hospital de Día infanto-xuvenil que vén de crearse.

Xornadas completas

Ademais, a terapeuta ocupacional demanda que o aumento destes profesionais se faga en condicións dignas “non cun terapeuta en diferentes dispositivos e cunha pequena proporción da súa xornada”. Raquel García incide na súa importancia “para mellorar a calidade de vida das persoas e para mellor as súas capacidades en calquera das patoloxías, tanto sexa neurolóxica, como dexenerativa, osteoarticular ou saúde mental”.

Volver