CIG-Saúde Coruña esixe a negociación e un cambio do protocolo de uso das probas de antíxenos na Atención primaria
Escrito dirixido á xerencia da área sanitaria de A Coruña e Cee
- A Coruña
Sr Xerente de Xestión da Área de Saúde de A Coruña-Cee
En moitos centros de saúde tivemos que informarnos pola prensa de que pensan poñer en marcha a determinación de tests de Antíxenos nos centros de saúde. Así se recolle en La Opinión de A Coruña publicada o día 21 de novembro.
https://www.laopinioncoruna.es/sociedad/2020/11/21/centros-salud-coruneses-usaran-lunes/1553025.html
Suponse que esta nova do xornal refírese ao protocolo publicado na web do sergas na ligazón seguinte: https://coronavirus.sergas.gal/Contidos/Documents/616/Protocolo%20uso%20test%20ant%c3%adxenos%20Sergas_Atenci%c3%b3n%20Primaria%20V30_1.pdf
Segundo este protocolo os pacientes que se valoren como supostos casos da COVID-19, e que polo tanto precisan facer un test diagnóstico, serán dirixidos aos centros de saúde onde se lles fará o test de Antíxenos e, se son negativos, serán citados co médico de familia ou pediatra para ser explorados.
Parece ser que previo a esta decisión se fixo un estudo piloto en diferentes centros sanitarios. Ante esta medida CIG-saúde manifesta o seguinte:
1. Queremos coñecer o informe dese estudo piloto.
2. É incrible que publiquen este protocolo e poñan data á súa aplicación nos xornais antes de que sexa discutido nas diferentes Xuntas de Persoal e sexa coñecido polos profesionais que o teñen que executar. Se o distribuíron entre os xefes de servizo moitos destes non o remitiron aos profesionais dos centros.
3. A determinación dos tests de Antíxenos nos centros de saúde pode resultar útil cando o paciente suposto caso xa está no centro, cando se citou para ser explorado ou cando o paciente aparece no centro como unha urxencia, pero que aporta de positivo dirixir aos pacientes (que poden ser positivos) con sintomatoloxía leve aos centros de saúde?.
4. Os pacientes con tests de Antíxenos negativo non está confirmado que non teñan a enfermidade COVID-19. De feito aos pacientes con PCR ou Antíxenos negativo pero con clínica moi suxerinte de COVID-19 se lles debe repetir a proba, neste caso xa sería a PCR, aos dous días. Isto quere dicir que os pacientes terán que ser explorados nas salas COVID igual que se fosen positivos e todo iso quizais para ver a un paciente con sintomatoloxía leve, que non precisaría estar alí. Transmítese falsa tranquilidade cando desde a dirección se di no xornal que un resultado negativo descarta a enfermidade.
Deberían saber que os centros de saúde teñen unha estrutura moi variable e con dificultades en moitas ocasións para establecer circuítos COVID de alta frecuencia de uso. Polo tanto, esta medida
- vai converter os centros de saúde nun foco de transmisión do virus SARS-CoV-2 para o resto de pacientes que estean presentes nos centros.
- aumenta o risco de contaxio dos profesionais.
- non aportar beneficios claros para a saúde dos pacientes.
Se o suposto caso ten sintomatoloxía grave debe ir directamente ao hospital ao circuíto seguro de atención a pacientes COVID, se o suposto caso ten sintomatoloxía non grave pero dubidosa, e que precise exploración, xa o estamos citando neste momento nos centros e aí si pode ser útil medir tamén o test de Antíxenos, pero se o paciente presenta sintomatoloxía leve, que non se considere necesaria a exploración, non aporta nada positivo que vaia ao centro. Ata o momento todos os pacientes eran dirixidos aos COVID AUTO para, sen saír do coche, facerlles a proba. Con esta medida parece que non hai problema en que entren nos centros para facer a mesma determinación.
Eran innecesarias as anteriores medidas de seguridade? Xa non contaxia o SARS-CoV-2? A que cabeza se lle ocorre esta medida?.
O problema fundamental deste protocolo é levar pacientes supostamente positivos e con sintomatoloxía leve aos centros. Sería útil se os tests se lles fixesen nunha zona fóra dos centros de saúde pero é insensato metelos dentro.
Non podemos estar de acordo con este protocolo e esiximos unha negociación e un cambio do mesmo. Recordámoslle, por outra parte, que debería ter un respecto maior polos profesionais dos que é directivo e, como mínimo, enviarlles o protocolo a eles antes que á prensa.
Esperamos a súa resposta.
Asina:
Ramón Veras Castro, delegado de CIG-saúde de A Coruña.
Lucía Peón Soutiño, Secretaria Comarcal de CIG – Saúde A Coruña.