CIG-Saúde reclama que o SERGAS utilice os recursos, instalacións e persoal da sanidade privada

Demanda que faga públicos os criterios clínicos para optar por hospitais de campaña, co gasto que isto suporía

  • Coronavirus
  • Sanidade Privada
  • Sanidade Pública

A CIG considera un “despilfarro” de recursos económicos, materiais e humanos, a instalación de hospitais de campaña en Galiza cando hai centros hospitalarios privados infrautilizados que poderían pór ao dispor da sanidade pública as súas camas e equipamentos. Para a central sindical resulta incomprensíbel que se valore a posibilidade de pór en marcha esta medida cando co propio decreto de estado de alarma obrígase aos centros sanitarios privados a poñer ao dispor da sanidade pública non só as súas instalacións, senón tamén o seu persoal.

Neste sentido, a CIG-Saúde reclama do SERGAS toda a información referida a esta cuestión e os motivos clínicos que levan a valorar a posibilidade de instalar hospitais de campaña nesas áreas sanitarias, cando pola información que ten ao seu dispor “as camas da sanidade privada están infrautilizadas”.

A CIG-Saúde sinala ademais que se descoñece que a Consellaría de Sanidade estea a valorar a utilización da rede de camas dispoñíbeis na sanidade privada e agarda “que a decisión de manter fóra da asistencia do COVID 19 a rede de centros privados, non sexa preservalos para que unha vez pasada a curva da pandemia a estes centros se derive a cirurxía concertada que está suspendida nestes momentos”.

Neste sentido subliña que a decisión, de ser esta a situación, sería adoptada en base a criterios político ideolóxicos, como fixo sempre o SERGAS e o goberno do PP no seu conxunto, e non técnicos.

Volver