Denunciada a xerencia da área sanitaria de Santiago en Inspección por incumprir os protocolos covid

A falta de persoal na UCI de adultos obriga a profesionais a dobrar quendas ou facer até 17 horas

  • Santiago

A CIG-Saúde de Compostela vén de presentar denuncia perante a Inspección de Traballo contra a xerencia da Área sanitaria de Santiago e Barbanza polo incumprimento sistemático dos protocolos do Ministerio de Sanidade, ao non dispor, entre outras cuestións, de persoal diferenciado para zona covid e non covid, convertendo o persoal en vector de transmisión da SARS-Cov-2 a doentes e outro persoal da zona non covid. Por iso demanda a adopción de medidas preventivas de carácter organizativo e que se establezan os plans de continuidade necesarios para a previsión de baixas laborais do persoal da UCI de adultos do hospital Clínico ante o esgotamento tanto físico como psíquico que está a padecer.

Xabier Alvedro, delegado da CIG, lembra que o persoal xa denunciara, mesmo con mobilizacións no mes de xuño, a problemática que se dá na UCI de adultos. “Daquela chegárase a un acordo coa xerencia para a remodelación estrutural da UCI para mellorar así as súas condicións de traballo”.

Con esa remodelación estaba previsto, nunha primeira fase e con data de remate en setembro, compartimentar habitáculos e ter 12 camas pechadas. Xunto a isto a Xerencia comprometíase a acometer unha obra na outra unidade para compartimentar e dispoñer doutras 12 camas máis, polo que en total serían 24 camas ao longo de 2021. Porén, a primeira fase desta remodelación, que tiña que estar a esta altura xa rematada, non está nin iniciada.

Alvedro afirma ademais que non hai organización no traballo, nin planificación ante o aumento de casos e a previsión de baixas laborais, nin formación para persoal ou previsión de aumentar o número de traballadores/as na unidade. “A Xerencia argúe sempre que non hai xente dispoñible nas listas de contratación e o persoal está completamente esgotado física e psiquicamente malia o que se ve obrigado, nalgún caso, a dobrar quendas de traballo ante a imposibilidade de dar relevo”.

O propio persoal remitiu diversas comunicacións e escritos á Xerencia de Xestión e ao SERGAS chamando a atención sobre a súa situación e reclamando solucións polo acoso ao que está sometido mesmo na súa xornada de libranza, con chamadas telefónicas a horas intempestivas para acudir ao posto de traballo, porque outras compañeiras ou compañeiros están de baixa por IT, ou teñen días libres ou porque son requiridos para cubrir ausencias na unidade. O que, a entender do representante da CIG, “demostra a falta de previsión e de organización desta Xerencia”.

Avaliación de riscos

A CIG-Saúde de Compostela denuncia que na Área Sanitaria de Santiago tiña que se ter feito unha avaliación de riscos específica nos postos de  traballo de exposición á covid e que así o demandaron en numerosas ocasións, nomeadamente na UCI de adultos.

Respecto desta cuestión Xabier Alvedro sinala ademais que no Documento Técnico do Ministerio de Sanidade para prevención e control da infección no manexo de doentes con COVID-19, recoméndase, no relativo á organización do persoal, “minimizar na medida do posible o intercambio de sanitarios entre zonas covid 19 e non covid 19”. Unha medida que pode contribuír a mellorar o control da infección, pero que non está a aplicar a Xerencia da Área Sanitaria de Santiago e Barbanza.

Alvedro apunta ademais que  tamén se deben extremar as medidas de precaución en zonas de descanso e vestiarios, tendo en conta a necesidade de reducir os contactos ao mínimo e respectar a distancia de seguridade. Tamén sobre isto o persoal dirixiu escritos á Xerencia denunciando a dificultade que tiñan nos vestiarios para acceder á ducha despois da xornada laboral, non só pola calidade das instalacións, senón tamén pola cantidade. Para Alvedro “hai unha clara sobresaturación dos locais destinados a vestiarios que terían que cumprir uns determinados requisitos de espazo para a cantidade de persoal que hai que non cumpren”.

Plans de continuidade do persoal

Xunto a isto lembra que a CIG-Saúde tamén dirixiu escritos diversos ao Comité de Seguridade e Saúde e á Xerencia de Xestión solicitando que se elaboraran uns plans de continuidade do persoal, contando coa representación das e dos traballadores, para asegurar o mantemento da actividade de xeito continuo e ante a previsión de incremento de baixas laborais.

Fronte a isto, Alvedro asegura que actualmente a Xerencia fai coberturas de persoal con nomeamentos de curta duración ou con persoal que provén doutras unidades de críticos. Nomeamentos que son para dar cobertura ás necesidades de persoal estatutario, pero “non consta que haxa planificación de persoal nin de formación do mesmo para adquirir as habilidades necesarias para desenvolver o traballo na UCI de adultos”.

A falta de planificación é tal que se chegan a ofertar horas extra a persoal de UCIS doutros centros hospitalarios para cubrir a falta de persoal no Clínico ou a obrigar ao persoal a dobrar quendas, o que implica que hai profesionais que fan ata 16 e 17 horas de traballo. “Non hai ser humano que soporte unha presión como esta e poida estar en condicións óptimas para facer o seu traballo tras 17 horas”, afirma.

Por iso denuncia a “inexistencia de prevención de descansos de persoal” e que nin sequera se fan informes psicosociais “incumprindo os requirimentos de inspección para valorar o grao de estrés ou ansiedade destas traballadoras e traballadores”.

Volver