O HOSPITAL DA MARIÑA QUEDA SEN ESPECIALISTAS EN UROLOXÍA
A segunda quincena de xullo e a segunda quincena de agosto segundo recolle unha circular emitida pola Dirección do centro hospitalario.
- Burela
CIG Saúde A Mariña denuncia que o hospital queda sen especialistas en uroloxía durante a segunda quincena de xullo e a segunda quincena de xullo, o que na práctica supón a paralización e suspensión de todas as consultas, revisións e operacións cirúrxicas.
“Asi o reflicte unha circular emitida pola dirección do Hospital da Mariña, onde ademais indica que para calquera consulta hai que poñerse en contacto telefonicamente co Hospital Lucus Augusti”, explican.
NIN BLINDAXE DO HOSPITAL, NIN MÁIS E MELLORES SERVIZOS.SÓ MENTIRAS.
Dende o sindicato nacionalista lembran que o 30 de agosto de 2017José Manuel Balseiro, explicou que a reforma da Lei de Saúde e a supresión da Área Sanitaria da Mariña lonxe de debilitar o Hospital da Mariña permitiría seguir ampliando a oferta de recursos cunha atención máis próxima, “algo que no día a día vemos que é unha mentira máis do Partido Popular”, sinalan.
O 6 de setembro de 2017 o Conselleiro de Sanidade afirmaba que con esta reforma sanitaria, “avanzaríamos” nun maior número de actividades que se poidan levar a cabo nos hospitais comarcal grazas ao desprazamento de especialistas que acudirían dende os hospitais centrais ata os comarcais, evitando dese xeito os desprazamentos dos cidadáns.
O 21 de abril de 2020 a Xunta anuncia que o futuro da sanidade galega será por teléfono, “é este un exemplo do futuro da sanidade pública da Mariña anunciado por Alberto Núñez Feijóo”, pregúntanse dende CIG Saúde A Mariña, “poden indicar como se atende unha urxencia urolóxica vía telefónica e a máis de 100 quilómetros de distancia”, inciden.
EXPLICACIÓNS E SOLUCIÓNS.
“Gustaríanos saber onde andan agochados nestes momentos os señores Balseiro, Almuiña e Feijóo para que nos relaten cales son os máis e mellores servizos que ían implantar, onde está a blindaxe do hospital ou cales son os numerosos profesionais que ían vir para Burela”, pregúntanse.
Do mesmo xeito, CIG Saúde A Mariña, esixen tamén á Directora do Distrito Sanitario da Mariña, María José Cortés Canay, que exerza as súas competencias e que empregue os recursos necesarios para garantir unha atención urolóxica de proximidade, e de non ser capaz de defender a atención sanitaria da veciñanza da Mariña que presente a súa dimisión.
Por todo o anterior tamén animan a todos os usuarios e usuarias e presentar reclamacións oficiais a través do servizo de Atención ao Paciente.
A central nacionalista considera que debe primarse o dereito da cidadanía a recibir unha atención sanitaria de calidade pública. E con este obxectivo, “a CIG Saúde da Mariña estivo, está e estará na defensa da sanidade pública, dos dereitos das traballadoras e traballadores, do dereito dos veciños e veciñas da Mariña a contar con servizos médicos de calidade tanto no hospital como nos centros de saúde da comarca”. E anuncia que non permitirán “ningún recorte máis nos servizos públicos e no benestar social da poboación por parte do Partido Popular”.