O SERGAS satura máis os centros de saúde ao ter que facer tests da COVID-19 inútiles nos centros escolares

  • A Coruña

O Sergas sobrecarga máis a atención primaria ao obrigala a facer os tests do virus SARS-CoV-2 ao profesorado e o resto de traballadores dos centros escolares. A Coruña vai ser a única área sanitaria onde a gran maioría destas probas se farán nos propios centros escolares, obrigando á enfermaría ao desprazamento correspondente.

A atención primaria está nunha situación insostible, onde a falta de profesionais é superior a anos anteriores e soportando a situación asistencial derivada da pandemia covid-19. Serán 7000 as persoas ás que hai que facer os tests e despois citar para darlles o resultado e as actuacións que correspondan. Nos colexios que teñan máis de 12 traballadores (case todos), o persoal de enfermaría terá que facer o desprazamento.

Este tipo de medidas, ademais do traballo que supón para o persoal, producen un desgaste mental importante xa que a cidadanía, e máis en concreto a comunidade educativa, debe saber que esta actuación é inútil. A ninguén lle gusta facer algo que sabe que é inútil, pero máis aínda cando por facelo sabes que van aumentar as listas de espera para analíticas ou para ver pacientes que realmente o necesitan.

A baixa fiabilidade dos tests que a Xunta decidiu facer neste caso non valen para tomar decisións. Se sae positivo haberá que facer outras probas para confirmalo, e se saen negativos non hai ningunha garantía de que a persoa non teña a infección. Ou sexa, toda esta montaxe, con molestias tanto para os centros educativos como para a atención primaria, para nada. Hai outros tests fiables e de garantía que poderían facerse se o obxectivo fose a seguridade dos centros (PCR, test ELISA de anticorpos) pero non o fan, o que demostra que o único que queren é aparentar que fan algo e transmitir unha falsa tranquilidade á sociedade. Por exemplo, nos centros de maiores faise test PCR aos traballadores, non se lles fan tests que está comprobado que non valen.  

Para a CIG-saúde isto só responde a cuestións de apariencia política, dar unha falsa seguridade aos pais e nais para mandar as súas crianzas aos colexios cunha suposta garantía, no canto de contratar profesorado, aumentar medidas de protección e as infraestruturas necesarias nas escolas. As medidas que garanten distancia de seguridade, hixiene de mans e uso de máscara son as únicas que reducirán o impacto do virus, e non uns tests puntuais, de baixa fiabilidade que non van supoñer nada na diminución da transmisión do virus. A Xerencia sanitaria da Coruña é a que produce maior carga na atención primaria de toda Galicia xa que obriga ao desprazamento do persoal.

Continuamos en momentos sanitarios delicados, temos que esixirlle seriedade e rigor ás nosas autoridades, ao goberno galego e na Coruña á dirección sanitaria. Non estamos para xogos nin para facer fotos aparentando que se fai o que na realidade non vale para nada.

CIG-saúde esixe un uso racional e eficiente dos recursos, sobre todo do persoal. Non xoguen con nós!

Lucía Peón Soutiño

Responsable comarcal de CIG-saúde A Coruña

A Coruña, a 1 de setembro de 2020

Volver