PUNTO DE RECOLLIDA DE MOSTRAS NO HPV SEN BAIXAR DO COCHE

  • O Barco

O HOSPITAL PÚBLICO DE VALDEORRAS ABRE MAÑÁ UN PUNTO DE RECOLLIDA DE MOSTRAS DO TEST DE COVID-19 SEN BAIXARSE DO COCHE

  • Os usuarios poden realizarse a proba sin baixarse do coche minimizando os risco e optimizando o uso de equipos de protección individual por parte dos profesionais
  • Con este xa serán sete os equipos de extracción de mostras en activo na provincia para axilizar os tests de COVID-19
  • As cinco unidades móviles seguirán traballando para achegarse aos pacientes con vivenda en puntos alonxados, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

O Barco de Valdeorras, 22 de marzo 2020.- Mañá comezá a funcionar no Hospital Público de Valdeorras un novo punto fixo de recollida de mostras para o test de COVID-19 para o que no será preciso que os usuarios, previamente citados vía SMS, se baixen do coche, o que ademais de axilizar a toma da mostra, minimiza os riscos de contaxio e optimiza o uso de equipos de protección individual (EPIs).

O novo AutoCov, como se están a coñecer en Galicia estes dispositivos, está instalado diante da entrada de Rehabilitación, nunha zona separada doutras áreas asistenciais, ben comunicada tamén co Laboratorio de Microbioloxía, onde se rexistra a mostra, quedando todo o proceso reflectido na historia clínica electrónica.

Desde mañá a porta de entrada a Rehabilitación quedará reservada para uso do equipo de recollida de mostras, formado por unha enfermeira e unha técnico de coidados auxiliares de enfermería (TCAE) en cada quenda, estando en principio previsto que funcione en horario de mañá e tarde.

A entrada de pacientes de rehabilitación realizarase pola porta de consultas externas. Mentres que o acceso de vehículos ao AutoCov realizarase con entrada pola Rúa Condesa de Fenosa e saída por Eulogio Fernández.

Cita por SMS con hora e xeolocalizador

Ao igual que o outro dispositivo en funcionamento en Ourense, seu obxectivo é axilizar a recollida das mostras dos pacientes con poucos síntomas e autonomía, aos que se lle indica a realización da proba, ben desde o 061 ou polo médico responsable, e que recibirán nas próximas horas un SMS, coa hora da cita e a xeolocalización do punto exacto ao que deben acudir. Nunca a demanda do propio usuario.

Con esta xa son sete as unidade des recollida de mostras na Área Sanitaria de Ourense Verín e O Barco de Valdeorras, dúas fixas nos hospitais de Ourense e O Barco, e cinco móviles para a recollida de mostras a domicilio, formados cada un por un persoal de enfermería e un técnico de microbioloxía, unidades que seguirán traballando para achegarse para os pacientes con vivenda en puntos alonxados dos AutoCov, sen vehículo propio ou dificultades de mobilidade.

O novo sistema, coordinado polo Servizo de Medicina Preventiva, ao igual que o resto de unidades a domicilio, permite axilizar os tempos de recollida da mostra ao posibilitar que os cidadáns se despracen en coche ao hospital, e ademais diminúe a utilización dos EPIs, xa que, mentres cada visita a domicilio supón un cambio de EPI, neste caso, os profesionais so precisan un único equipo por quenda de traballo, e diminúense tamén os riscos ao realizarse de xeito individual e con só baixar a xanela do vehículo.

Primeiro Hospital Comarcal con AutoCov

O novo sistema no que o sistema público de saúde de Galicia é pioneiro no estado, estase a implantar en distintos hospitais autonómicos, sendo o de Valdeorras o primeiro dos comarcais en dispoñer del.

Desde a Dirección da Área Sanitaria desexase facer público o agradecemento ao equipo de persoal do Hospital Público de Valdeorras, especialmente a Enfermería, que en colaboración cos servizos de Medicina Preventiva, Microbioloxía e Sistemas da Información foron capaces de habilitalo nun tempo record.

O punto estará en funcionamento en horario de mañá e tarde tódolos días da semana, incluídos fins de semana e festivos, para dar resposta ao incremento da demanda de recollida de mostras, desde o inicio da pandemia.

SAÚDOS,

SERVIZO DE COMUNICACIÓN

Volver