RECORTES NO CENTRO DE SAÚDE DA LARACHA E NO CONSULTORIO DE CAIÓN

A Xerencia da área sanitaria deixa Caión sen enfermeira todo o mes e no C.S. Laracha traballando 4 médicas de 6.

  • A Coruña

Por desgraza levamos anos acostumándonos a vivir  situacións límite nos centros de saúde durante os veráns ante a falta de cobertura das vacacións do persoal. Este ano, a pesar da situación que vivimos e da necesidade de reforzar a Atención Primaria para que se poida facer un seguimento da situación da pandemia en cada localidade, non só non se reforzou nada senón que os recortes de persoal aumentaron. No caso do C.S. da Laracha hai traballando 4 de 6 médicas de familia, e iso que esta semana  recuperan á substituta que tiñan e que a Xerencia obrigara a desprazarse a outro centro a cubrir ausencias de persoal.

Por outra banda, con respecto ao Consultorio de Caión a Xerencia deixa o mesmo sen enfermeira durante todo o mes das vacacións da titular, obrigando a persoas maiores de Caión a desprazarse á Laracha para facer analíticas e controis de Sintrom (tendo en conta o deficiente ou case inexistente transporte público entre Caión e A Laracha), co agravante ademáis do incremento poboacional que ten esta localidade nos meses de verán.

Esta é a situación da Atención Primaria en plena pandemia da COVID-19, despois dunha década de recortes continuos e abandono abosluto por parte dos gobernos do Sr.Feijoó.

Carballo, 3 de agosto de 2020

Asdo.: Xoán M. Sande Muñiz

CIG-Saúde A Coruña

Volver