Situación insostíbel no Centro de Saúde de Viveiro: sen médicas de familia e sen pediatras
- Burela
A sanidade pública "continúa en estado de auténtica emerxencia" a consecuencia das políticas do PP e a Atención Primaria "está sendo unha das principais damnificadas", denuncia a CIG Saúde da Mariña. “Onte luns 7 de novembro, no Centro de Saúde de Viveiro, de 7 médicos de familia na quenda de mañá, só quedaron 2 para atender urxencias ao non cubrir o SERGAS ningunha das 5 ausencias actuais: dúas persoas de baixa, dúas persoas de vacacións e outra persoa que marchou do SERGAS”, alertan.
Na quenda de tarde a situación non é mellor, pois hai unha soa médica para atender a demanda urxente porque o SERGAS non cubre as baixas, vacacións e xubilacións existentes na atención ordinaria de tarde.
A isto hai que engadir a falta de pediatras, polo que a CIG-Saúde da Mariña esixe que se dea unha solución inmediata ao servizo de Pediatría do Centro de Saúde de Viveiro en concreto, e na Mariña en xeral, xa que “non se está a dar a cobertura sanitaria axeitada”.
A CIG-Saúde subliña que esta política de desmantelamento da Atención Primaria, que afecta con maior intensidade ao rural, “interfire moi negativamente no control que poida existir, especialmente en recén nados, pola importancia do seguimento en escasos días que debe realizarse”.
Pero ademais, advirten, o feito de non haber pediatra é médicas de familia en Atención Primaria implica colateralmente a “saturación doutros servizos”.
Recuperar e dignificar a Atención Primaria
A central nacionalista urxe a Consellaría a resolver definitivamente estes problema facendo as previsións necesarias para que se cubran todas as ausencias que por vacacións ou outros motivos se produzan no centro sanitario de Viveiro e consideran que “é necesario dignificar a Atención Primaria para garantir un servizo básico de calidade e proximidade fronte os gobernos do PP que pretenden convertela nun privilexio”.
Denuncian que "fronte ás mentiras do PP, a realidade da sanidade pública na comarca é que temos menos e peores servizos sanitarios", sendo prexudicada tanto a poboación -que ten unha atención mermada- como as e os profesionais que teñen que afrontar unha sobrecarga asistencial.
"Aquelas persoas que dicían que depender de Lugo suporía máis e mellores servizos para a sanidade da Mariña calan. Ramón Ares, máximo responsábel da Atención Primaria non toma medidas, e fala de incidencias imprevistas", critican.
A saúde, un dereito fundamental
A CIG-Saúde da Mariña subliña que “a saúde é un dereito fundamental que debe ser garantido e protexido independentemente do lugar onde vivamos, polo que esiximos unha sanidade digna e de proximidade na nosa comarca que garanta a atención sanitaria”.
Nesta liña subliñan que este é “un dereito que defendemos no pasado, no presente e continuaremos defendendo no futuro”, e “e facemos un chamamento á poboación a facer follas de reclamacións denunciando a situación”.