CIG-Saúde non desconvoca a folga na Atención Primaria dos días 26, 27 e 28 de novembro
CIG-Saúde non ve cumpridos os obxectivos que levaron á convocatoria de folga, aínda que o documento recolle, froito da presión exercida, moitas melloras para a Atención Primaria.
- Atención primaria
- Sanidade Pública
CIG-Saúde entende que estamos nun momento decisivo para o presente e o futuro da nosa Atención Primaria e que é preciso manter os tres días de folga convocada para expresar o malestar das traballadoras e traballadores coa situación actual e demandar da Consellería de Sanidade a posta en marcha de medidas concretas, e da súa planificación exhaustiva, que demostren unha verdadeira decisión política de apostar por unha Atención Primaria digna para o presente e o futuro.
CIG-Saúde entende que o documento presentado non garante esas medidas nin recolle o compromiso que exiximos da Consellería de Sanidade coa Atención Primaria.
Sobre a retirada da categoría de FEAPs
Para CIG-Saúde é insuficiente a proposta de retirar a categoría de FEAP a finais de 2029 cando a lei de medidas do ano 2022 contemplaba que a duración da categoría sería de 5 anos (2027). Ademais queda no aire o futuro desta medida se non funciona a voluntariedade.
O texto do acordo asinado di:
Esta reversión realizarase nos próximos anos, de modo progresivo e en función de cómo evolucione a dispoñibilidade de persoal médico de familia e a súa voluntariedade, e co compromiso de declarar a extinguir e finalmente suprimir a categoría de FEAP a finais de 2029.
Sobre as condicións retributivas e de xornada dos PACs
Sobre as condicións retributivas dos PACs retiran unha proposta feita en días previos de mellorar a retribución da xornada complementaria incentivada, baixando das 160 ás 140 horas. Isto desapareceu da acta de fin de folga.
Sobre os cómputos de xornada dos PACs, as OOSS asinantes aceptan retirar da acta as melloras aportadas durante a negociación, conformándose con que se recolla que modificarán o aplicativo con efectos do 1 de xaneiro de 2026, sen que conste por escrito cal é o problema existente nin cales van ser as solucións que se negocien na Mesa Sectorial para solucionar un problema que non describen.
O texto do acordo asinado di:
- Solucionarase o problema existente co cómputo de xornada, modificando o aplicativo de cómputo de xornada con efectos do 1 de xaneiro de 2026, previa negociación na Mesa
Sobre o Plan de Ordenación de RRHH de Atención Primaria.
Deixamos claro que non podemos aceptar que no contexto actual non se queira falar dun verdadeiro Plan de ordenación de RRHH de Atención Primaria, que poida crear unha mínima expectativa de mellora no desempeño profesional na atención primaria. CIG-Saúde entende que sen esa expectativa de mellora non hai voluntariedade que permita avanzar na solución dos problemas actuais. O acordo asinado non concreta nada sobre os termos do Plan de Ordenación e deixa en condicional a propia existencia do Plan.
O texto do acordo asinado di:
Previa entrega -na primeira semana de decembro- dos datos desagregados par categorías e centros que permitan unha análise obxectiva da situación real da Atención Primaria, no primeiro semestre de 2026 traballaranse e negociaranse na Mesa Sectorial as seguintes medidas de planificación (sen prexuízo de que poderían incorporarse posteriormente a un plan de ordenación)
Sobre o cambio do sistema retributivo incluíndo o pago por TIS para todas as categorías
Sobre o modificación do sistema retributivo, o acordo non recolle en que condicións se vai a establecer a incorporación do pago por TIS para as categorías que agora non o teñen, so fan referencia a que, na mesma negociación na que se modificará o actual sistema de pago por cartillas a TIS, se negociará a aplicación de “factores retributivos que teñan carácter capitaitivo”.
O texto do acordo asinado di:
Nesa mesma negociación aplicarase a todas as categorías factores retributivos que teñan carácter capitativo (vinculado ao numero de TIS). Tamén se aplicaran factores vinculados a condicións de soidade e illamento.
Sobre a contratación de persoal médico sen especialidade
Non se comprometen a non contratar persoal médico sen a titulación da especialidade de medicina familiar e comunitaria.
CIG-Saúde mantemos o día 26 de novembro a convocatoria de folga e manifestación ás 11 horas diante do SERGAS, ademais das dúas xornadas de folga os días 27 e 28 de novembro.