A consellería de sanidade anuncia a creación de grupos de traballo internos sobre planificación e retribucións en atención primaria

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

Parece que precisan máis tempo para decidir que facer coa Atención Primaria, máis tempo para seguir sen facer nada! Xa se fixeron grupos de traballo e xa teñen as conclusións metidas nos caixóns. Se non saben que facer, aquí teñen algunhas ideas

CIG-Saúde presentou un escrito, o 19 de xaneiro, coa solicitude de tratar, con carácter urxente, os seguintes temas na Mesa Sectorial:

Sobre a atención continuada nos PACs:

  • Solucionar o problema do cómputo de xornada do persoal dos PACs.
  • Analizar os plans funcionais dos PACs para que non se superen as 30 atencións urxentes por profesional e quenda e definir novos plans funcionais que contemplen o incremento do persoal necesario de todas as categorías profesionais presentes nos PACs.

Sobre a atención ordinaria nos centros de saúde:

  • Establecer axendas de traballo diario na medicina de familia dun máximo de 30 pacientes e de 20 no caso da pediatría, e establecer un plan de xestión urxente da sobrecarga das axendas de traballo. Establecer un número máximo de consultas en función da carteira de servizos e das actividades a realizar en todas as categorías do centro.
  • Planificar medidas urxentes e avaliables para eliminar (non cambiar de sitio) a burocracia innecesaria.
  • Establecer un cronograma para desenvolver as carteiras de servizo de todas as categorías profesionais que están na Atención Primaria, facendo unha análise dos cupos actuais e das cargas de traballo, incorporando o persoal necesario.
  • Incorporar novas categorías profesionais que permitan dar mellor servizo á cidadanía.
  • Definir os criterios para as ratios de profesionais das áreas administrativas e incrementar as prazas necesarias en función das cargas de traballo e da demanda dos centros de saúde.

NON QUEREMOS MÁIS GRUPOS DE TRABALLO. QUEREMOS SOLUCIÓNS XA!

Volver