MANIFESTO

Esta campaña de defensa da Sanidade Pública xorde da necesidade de pór en valor o sistema e as persoas que a conforman. A continuación o manifesto que queremos compartir con todas e todos vós:

Sanidade Pública García González é una muller de mediana idade. Semella moito maior porque estamos tan afeitos e afeitas a convivir con ela que nos parece que sempre estivo aquí. Pero tamén porque o maltrato nos últimos anos deixa pegada.

Sanidade Pública naceu rodeada de expectación e felicidade, con ambición de recursos, de persoal, de tanta esperanza por todo o país que ata foi envexada por moitos outros, que non eran quen de crear un sistema no que Sanidade Pública puidese crecer e desenvolverse.

E así foi, fortalecéndose e converténdose en universal e gratuíta, facendo o ben sen mirar a quen. Os mellores equipos de profesionais querían estar con ela. As e os pacientes procuraban a súa atención por riba de todas. Traballar por e para Sanidade Pública era un orgullo e tiña un recoñecemento social forte!

“Que tempos aqueles!”, pensa Sanidade Pública, deitada nunha mesa de quirófano na rúa, afectada de tantos males…a súa saúde mental está moi debilitada, o corazón teno nun puño e as pernas apenas lle responden. Ela, capaz de coidar, curar, sanar e previr a enfermidade como ningunha, agoniza lentamente, día a día, ante a impávida mirada de todos e todas aquelas que tanto a eloxiaban e xuraban defendela e protexela.

É lamentable ver a súa deterioración nesta última década e como, a causa da pandemia, dos recortes, dos cupos altos de pacientes… cada día se agrava aínda máis. Todas e todos os profesionais que traballan con ela séntense impotentes porque sós non poden salvar a Sanidade Pública.

A atención primaria sofre unha situación crítica e os hospitais están ao límite. Ausencias sen cubrir, horas extras sen remunerar, festivos e nocturnidades sen ser tidas conta, tempos imposíbeis para dar una atención de calidade, a invisibilidade, a rabia contida das persoas pacientes que, asustadas e enfadadas, arremeten contra os e as profesionais que xa non poden máis.

Pero Sanidade Pública precisa de nós, de todas e cada unha de nós, de todas as categorías laborais, de todas as células que conforman e dan vida a esto corpo, pero tamén das pacientes e da sociedade.

Sanidade Pública pídelle ao goberno con voz moi alta ‘respecto’ para cada unha das súas células, unhas condicións de traballo adecuadas e recursos para manter un sistema imprescindible para unha sociedade democrática que poida dar servizo de calidade a todas as persoas, sen deixar a ninguén atrás.

O acto de hoxe, Operación Sanidade Pública, quere agradecer e homenaxear a todas as persoas que fan posíbel manter con vida a Sanidade Pública. Grazas a todas as profesionais, ás pacientes e todas as persoas que apoian ao sistema público de saúde.

Pero Operación Sanidade Pública tamén quere denunciar, e deixar patente que é unha vergoña sen precedentes o desmantelamento que están a facer da Sanidade Pública e a CIG vai estar sempre co sistema sanitario público, esixindo respecto e condicións de traballo adecuadas de todos e todas os profesionais que lle dan vida, e defendendo os dereitos de todas as persoas vulnerábeis fronte aos intentos privatizadores do proxecto máis comunitario que temos, esta xoia, a nosa Sanidade Pública.