A Área Pública da CIG volverase mobilizar en rexeitamento á reforma do EBEP

O mércores 21, coincidindo coa votación no Congreso da convalidación do RDL 14/2021

  • Sanidade Pública
  • Taxa de reposición

A Área Pública da CIG (Administración, Ensino e Saúde) volverase concentrar este mércores 21 de xullo, ás 11:30 horas, diante da Delegación do Goberno na Coruña, en rexeitamento á modificación do EBEP pactada entre o Ministerio e os sindicatos estatais. A protesta convócase coincidindo coa votación no pleno do Congreso para a covalidación do Real Decreto Lei 14/2021 de reforma do Estatuto Básico do Empregado/a Público/a.

O texto do acordo entre as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF e o Ministerio de Política Territorial e Función Pública (esta última área está agora incorporada no Ministerio de Facenda) incorre nas mesmas eivas que os acordos previos asinados no ano 2017 e 2018, introducindo varios cambios a destacar, algún dos cales son claramente regresivos e outros, que se venden como melloras substanciais, van ter un efecto moi limitado e totalmente discriminatorio.

Á área pública da CIG critica que no acordo non se contempla ningunha medida no sentido de que o abuso da contratación temporal derive na creación de novas prazas fixas nos cadros de persoal e a súa incorporación nas ofertas de emprego público. É máis, o goberno español imposibilita resolver o exceso de temporalidade nas administracións ao manter con carácter indefinido as taxas de reposición e, polo tanto, impedindo que as distintas administracións poidan dimensionar os seus cadros de persoal e decidir sobre a xestión dos servizos que prestan, en función das súas propias capacidades orzamentarias.

Xunto á supresión destas taxas, a CIG tamén demandou na Mesa Xeral a fixación dun marco sancionador moi estrito e contundente coas administracións que incumpran as normas de temporalidade; o estabelecemento de medidas reparadoras co persoal interino que é ou foi vítima do abuso na contratación temporal, tal e como esixe a lexislación e xurisprudencia europea; e respecto ás miles de persoas nesta situación coa negociación de procesos de consolidación para buscar unha saída a quen foron vítimas da temporalidade abusiva.

Volver