A CIG-Saúde advirte que o texto publicado no DOG reinterpreta os acordos acadados na Mesa Sectorial

  • Mesa Sectorial
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde manifesta a súa sorpresa pola maneira na que se publicaron no DOG os  acordos acadados na Mesa Sectorial do 20 de abril, xa que constitúe unha redacción nova que interpreta o acordado.

A federación da CIG entende que o que debería ser publicado no DOG "é o texto do acordo acadado e asinado na Mesa Sectorial, despois dunha longa negociación, polo conselleiro de Sanidade e as organizacións sindicais presentes. O texto do acordo debería ir acompañado das modificacións das táboas salariais afectadas polo contido do acordo".

Pero o texto publicado, ademais de reinterpretar o pactado, incorpora un novo elemento: un cadro co incremento de prazas que haberá en tres anos por aplicación da redución de xornada, "segundo a interpretación que fai o SERGAS".

Para CIG-Saúde este cadro de prazas de nova creación é insuficiente para cubrir a redución de horas acordadas e non foi tratado nin acordado na Mesa Sectorial, "e ao aparecer nesta publicación dá a aparencia de que forma parte do acordo, algo que non é certo".

O secretario nacional da federación, Manuel G. Moreira, lamenta a decisión de publicar deste xeito os acordos da Mesa Sectorial do 20 de abril, "xa que esta forma de presentalos resta valor ao traballo das organizacións sindicais, especialmente da CIG-Saúde, para acadalos, e non pon en valor ao órgano de representación das traballadoras e traballadores, a Mesa Sectorial".

Volver