A CIG-Saúde denuncia deficiencias nas futuras instalacións do servizo Materno Infantil de Ourense

Solicita da Xerencia da área sanitaria poder visitar as obras para comprobar os cambios que vai supoñer o traslado ao Hospital Xeral

  • Ourense

A CIG-Saúde de Ourense denuncia as deficiencias detectadas nas instalacións do Hospital Xeral que van acoller os servizos do Hospital Materno Infantil unha vez se concrete o traslado. Dende a central sindical veñen de solicitarlle á Xerencia da área sanitaria que lles permita visitar as obras de acondicionamento das dependencias para comprobar de primeira man os cambios que vai supoñer o traslado.

Neste senso, lamentan que dende que se anunciou a nova ubicación do servizo de partos “son continuos os cambios de criterio e a improvisación por parte das diferentes direccións implicadas, existindo unha falta de previsión de espazos para actividades asistenciais tan importantes como a materno infantil”. Polo que lle advirten á veciñanza sobre a perda de calidade asistencia que esta situación vai provocar.

O persoal de partos elaborou un informe completo coas deficiencias detectadas de tipo estrutural, funcional e asistencial

O persoal de partos -un dos servizos afectados polo traslado- elaborou un informe completo coas deficiencias detectadas de tipo estrutural, funcional e asistencial. “Trátase de deficiencias de especial gravidade que comprometen de maneira significativa a atención obstétrica, a seguridade clínica de mulleres e neonatos e os dereitos fundamentais das mulleres durante o parto Os servizos de UCI pediátrica e neonatal tamén sufrirán cambios importante “e atrevémonos a predicir que se pecharán camas e se reducirán carteleiras profesionais, co conseguinte empeoramento das condicións laborais”.

Diante disto, a central sindical solicitou por Rexistro poder visitar as obras “para dar a coñecer de primeira man tanto á poboación como ás propias profesionais os cambios reais que vai provocar o traslado. “Non imos deixar de denunciar as situacións que poñan en risco a asistencia sanitaria, porque para garantir coidados de calidade teñen que darse uns mínimos que, a día de hoxe e coa información que temos, pensamos que non se van poder cumprir”.

Pola súa banda, a Xerencia sostén que “continúa aberta ao diálogo e á mellora continua” mantén unha actitude “retadora”, xa que nunha xuntanza recente co persoal de hospitalización do Materno Infantil -á que non foron convocadas as organizacións- a directora de Enfermaría dirixiuse nestes termos a unha representante da Comisión de Centro (neste caso delegada de CIG): “Ou te vas ti ou me vou eu”.

Volver