A folga na Atención Primaria evidencia o malestar do persoal mentres a Consellaría continúa sen dar respostas nin abrir diálogo
- Atención primaria
- Sanidade Pública
A CIG-Saúde valora moi positivamente o seguimento da xornada de folga convocada este xoves nos centros de saúde e PAC de Galiza, unha mobilización que serviu para visibilizar o profundo malestar do persoal e a situación límite que atravesa a Atención Primaria.
A central sindical destaca a ampla participación das traballadoras e traballadores no paro e nas mobilizacións realizadas en diferentes comarcas do país, así como o apoio recibido por parte da cidadanía, cada vez máis consciente do deterioro que está a sufrir a Atención Primaria.
Durante a xornada denunciouse novamente a sobrecarga asistencial, a falta de persoal, o incremento da burocracia e a ausencia dunha planificación real por parte da Consellaría de Sanidade. Unha situación que está a deteriorar tanto as condicións laborais das profesionais como a calidade da atención que recibe a poboación.
A pesar da contundencia da mobilización e das reiteradas demandas do persoal, a Consellaría de Sanidade continúa sen dar resposta ás reivindicacións e mantén unha actitude de bloqueo, negándose a abrir un proceso real de diálogo que permita abordar a grave situación da Atención Primaria.
A CIG-Saúde lembra que as reivindicacións pasan por adoptar medidas urxentes e reais para reverter a situación actual, entre elas a limitación das axendas asistenciais, o reforzo de persoal en todas as categorías profesionais, a redución da carga burocrática e unha planificación seria que garanta un primeiro nivel asistencial forte e accesible.
A central sindical advirte de que o amplo seguimento da folga demostra que o persoal está disposto a continuar mobilizándose para defender a sanidade pública. Neste sentido, insta á Consellaría de Sanidade a abandonar a súa política de negación da realidade e a abrir dunha vez un diálogo real que permita adoptar solucións inmediatas.
A CIG-Saúde advirte tamén de que, se a administración continúa sen dar pasos nin presentar medidas concretas, o persoal non só continuará coas mobilizacións senón que non descarta a convocatoria de novas xornadas de folga nas próximas semanas até conseguir avances reais que permitan garantir unha Atención Primaria pública, digna e con recursos suficientes.
Novas Relacionadas
Últimas novas