A situación da Medicina Interna do SERGAS é consecuencia da falta de planificación e da eventualidade

CIG-Saúde solicita reunión extraordinaria da Mesa Sectorial para negociar unha saída urxente

  • AgMédica
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde recolle a inquietude manifestada polas profesionais da Medicina Interna e entende que as solucións que reclaman coinciden, en grande medida, coa resposta que deu CIG-Saúde o 18 de maio á proposta de procedemento de cobertura temporal de postos de FEA das especialidades de Traumatoloxía, Medicina Interna e Radiodiagnóstico.

Nas alegacións presentadas, CIG-Saúde xa indicou que a situación actual de déficit de profesionais é a consecuencia das políticas de recortes dos últimos anos. E o SERGAS non pode seguir pretendendo que sexan os/as profesionais quen, unha vez máis, resolvan a situación das súas nefastas políticas de persoal a custe cero.

Tamén se remarcaba que os problemas de cobertura de profesionais nos Hospitais Comarcais ten mais que ver coa falta de profesionais, coa reorganización ou desaparición das áreas sanitarias ou coa organización que fan as Xefaturas de Servizo dos Hospitais Comarcais en relación cos seus Hospitais de referencia.

Por estas razóns, CIG-SAÚDE defende que a Consellería de Sanidade ten que dar unha resposta global á situación de cobertura nos Hospitais Comarcais que comece por avaliar as medidas de xestión organizativa que se están a tomar nos diferentes servizos de Traumatoloxía, Medicina Interna e Radiodiagnóstico.

Consecuencia das políticas de xestión de persoal

Neste contexto, a situación da Medicina Interna é unha consecuencia directa das políticas de xestión de persoal, con contratacións eventuais para cubrir necesidades estruturais e sen planificación real das necesidades crecentes no conxunto do SERGAS.

Por isto, antes de tomar medidas excepcionais, CIG-Saúde solicita do SERGAS información sobre as especialidades deficitarias de FEAS, e as medidas que vai tomar para subsanar esta situación:

a.- Información dos cadros de persoal dos Hospitais Comarcais, dos que o SERGAS recoñece no documento que hai déficit e dos que non aparecen no documento, comparativa do cadro actual co cadro de persoal do ano 2012 (plano de ordenación e recortes).

b.- Xubilacións nas especialidades afectadas producidas desde o ano 2012, e prazas de MIR convocadas e cubertas nesas especialidades, nestes anos.

c.- Previsión de xubilacións nas especialidades afectadas nos próximos 5 anos, e prazas MIR a convocar.

CIG-Saúde entende que para planificar medidas extraordinarias tamén é necesario coñecer:

a.- Os planos funcionais ou planos organizativos deseñados polos/as Xefes/as de Servizo dos hospitais de difícil cobertura para garantir a cobertura dos postos de traballo e a carteira de servizo que se realizaba nestes centros.

b.- Análise e avaliación de como afectou nestes centros a desaparición das áreas sanitarias e a súa dependencia do hospital de referencia.

CIG-SAÚDE propón que na mesa sectorial se negocien as condicións que debe ter un posto de traballo para ser considerado de difícil cobertura, e as condicións laborais e retributivas do persoal que acceda a un deses postos.

Condicións laborais e retributivas:

a.- Negociación da retribución do complemento específico destes postos (o complemento específico retribúe a dificultade do posto).

b.- Permanencia de 3 anos no grao inicial de carreira. E de 4 anos no 1º grao.

c.- Cobro de gardas de presenza, na modalidade de gardas localizadas.

d.- Xornada de traballo, formación continuada, acceso á formación en áreas de capacitación especifica.

Propostas de CIG-Saúde presentadas no SERGAS.

Volver