A Xerencia da área sanitaria de A Coruña deixa descuberta a praza de Dermatoloxía do Hospital de Cee

CIG-Saúde Cee esixe a contratación estable da praza de dermatoloxía

CIG-Saúde vén de remitir á Xerencia de A Coruña un escrito manifestando o seu malestar e disconformidade co que está a acontecer coa praza de Dermatoloxía no Hospital de Cee.

Na última OPE convocada no 2019, e resolta en decembro de 2022, na categoría de  Dermatoloxía ofertouse unha praza fixa desta especialidade no Hospital de Cee.

Esta praza desde o mes de setembro de 2022 estaba sen persoal asignado, e sen cubrir, por renuncia da persoa contratada a través dun contrato de interinidade ata ese momento.

Esta praza foi adxudicada a unha Dermatóloga como persoal fixo a través da OPE no mes de decembro de 2022. Dita profesional tomou posesión da praza pero nunca se incorporou a traballar no centro hospitalario de Cee, concedéndoselle automaticamente por parte da Xerencia de A Coruña unha comisión de servizos no CHUAC, sabendo que deixaba ao hospital comarcal sen servizo.

Para CIG-Saúde consideramos inaceptable que a xerencia autorizara unha comisión de servizos sabendo que non tiña garantida a cobertura do servizo no hospital comarcal.

O servizo de Dermatoloxía en Cee é un servizo unipersoal, e a falta de cobertura do mesmo supón para a poboación do distrito de Cee, ter que desprazarse ao CHUAC na Coruña, que se atopa a 100km, coas dificultades que isto conleva a unha poboación envellecida, cun transporte público deficitario, e tendo que soportar o custe económico dos desprazamentos, tanto por parte dos/as pacientes coma dos/as familiares.

Agora nos atopamos cunha praza reservada pero “desocupada” que non pode ofertarse con carácter fixo, ata que esa persoa efectivice un posible cambio de destino dentro de DOUS anos. E por se isto non fora suficiente, podemos observar que nas ofertas de contratación de Dermatoloxía do mes de febreiro, a xerencia de A Coruña non oferta á lista de selección temporal a cobertura desta substitución nominal.

CIG-Saúde esiximos que se oferten con carácter inmediato todas as prazas vacantes e contratos de longa duración para a súa cobertura con persoal temporal, en tanto non se cubran con carácter definitivo a través da OPE, tanto na especialidade de Dermatoloxía coma no resto de especialidades médicas que en maior ou menor medida están a padecer mermas no seus cadros de persoal por falta de profesionais.

CIG-Saúde esiximos que se tomen as medidas necesarias para restituír xa con carácter estable o servizo de Dermatoloxía. Non imos tolerar a cobertura do servizo enviando profesionais distintos/as de Coruña de cada vez.

Volver