APROMANSER e CIG-Saúde analizan a situación laboral do persoal de mantemento do SERGAS

  • Sanidade Pública

A Asociación de Profesionais de Mantemento do Servizo Galego de Saúde, APROMANSER, reuniuse o pasado 3 de maio de 2023, co Secretario Nacional, Manuel G. Moreira, e con membros da executiva de CIG-Saúde para intercambiar as inquedanzas sobre a situación actual do persoal de mantemento do SERGAS.

CIG-Saúde expuxo a traxectoria de todos os pasos que esta organización leva dado en relación á loita en contra da privatización do servizo, as propostas feitas no Ministerio de Sanidade para reescribir as funcións destas categorías e revisar os requisitos de acceso, e a súa proposta para a reclasificación profesional, que foi presentada diante do Ministerio na negociación do novo Estatuto Marco.

Dende a asociación transmitiron a súa preocupación polos incumprimentos das empresas subcontratadas que acaban revertendo en que son os profesionais do SERGAS os que teñen que arranxar as súas deficiencias, sen que as xerencias tomen medidas.

CIG-Saúde e APROMANSER valoraron positivamente a coincidencia en moitos aspectos expresados na reunión e se emprazaron a continuar coa comunicación en previsión dos próximos pasos que se produzan nas negociacións en curso ou nas futuras mobilizacións, no caso de que estas non avancen na liña que defendemos.

Volver