As organizacións sindicais anuncian folga na Atención Primaria en reposta ao cambio de modelo imposto pola Consellaría
      A folga está prevista para o 26 de novembro e tamén se convocarán mobilizacións
  
  
  
    
- Sanidade Pública
As organizacións sindicais con representación na Mesa Sectorial de Sanidade veñen de anunciar a convocatoria de mobilizacións e folga na Atención Primaria para o vindeiro 26 de novembro, en rexeitamento ás medidas presentadas pola Consellaría sen negociación previa, sen dar solucións ás urxentes necesidades dos centros de saúde e PAC e incluíndo, ademais, un cambio de modelo que afonda no desmantelamento da Atención Primaria e na precarización laboral.
A CIG-Saúde leva anos reclamando un plan de ordenación dos recursos humanos, pero nos orzamentos da Xunta para o ano 2026 non se contempla ningunha medida para mellorar as condicións de traballo e dar resposta aos problemas estruturais da Atención Primaria, “que é unha peza fundamental da sanidade pública”.
Ao contrario, a CIG-Saúde alerta que a decisión da Consellaría de Sanidade de converter todas as prazas de medicina de familia de nova creación, vacantes e ocupadas por persoal temporal, en prazas de Facultativo Especialista de Atención Primaria (FEAP) representa un retroceso, “ao volver a un sistema baseado na realización de xornada ordinaria nos centros de saúde máis gardas obrigatorias nos PAC, que deteriora a calidade asistencial e empeora as condicións laborais das e dos profesionais”.
Esta é unha das razóns polas que todas as organizacións sindicais xa lle exixiron á Dirección Xeral de Recursos Humanos do SERGAS a retirada do documento “Liñas de actuación de RRHH en Atención Primaria. Medidas” por consideralo insuficiente, improvisado e carente de contido real.
As centrais con representación na Mesa Sectorial acordaron tamén convocar mobilizacións e folga na Atención Primaria para o 26 de novembro en resposta á decisión do SERGAS, cuxos detalles se concretarán a próxima semana. Neste senso, a CIG reafirma ao seu compromiso coa defensa do modelo galego de Atención Primaria, “un modelo integral e de proximidade que garante unha atención de calidade e estabilidade para o persoal da sanidade pública”.
Demandas comúns das organizacións sindicais
A maiores, ás organizacións sindicais remitiron á Consellería de Sanidade un documento en común que recolle os seguintes puntos:
- Que se proceda á retirada progresiva da categoría de FEAP e se elabore un plan de reconversión das prazas actuais de FEAP en prazas de médica/o de familia, garantindo a continuidade laboral das persoas afectadas e a cohesión do modelo asistencial de Atención Primaria.
- Que se faciliten os datos desagregados por cada centro de saúde e PAC, que permitan unha análise obxectiva da situación real da Atención Primaria.
- Que a Consellería de Sanidade presente propostas concretas de actuación, diferenciando medidas a curto, medio e longo prazo, de forma clara e desenvolvida.
- Que se faga unha análise das ratios de persoal existente por categorías nos distintos centros en relación ao grao de desenvolvemento das competencias e das carteiras de servizos, para abordar no Plan de Ordenación de RRHH o número de profesionais necesarios/as para a posta en marcha das carteiras de servizos en todos os centros.
- Que se aborde a situación do persoal da área administrativa de atención primaria, analizando as cargas de traballo existentes e se doten do persoal necesario.
- Que se implementen as categorías profesionais necesarias para prestar unha asistencia sanitaria de calidade á poboación, é dicir, sen demoras.
- Que se desenvolva o concurso específico da especialidade de enfermaría familiar e comunitaria, e se negocie un plan plurianual de reconversión de prazas xerais de enfermeiro/a en prazas de enfermeiro/a especialista, tanto de familia como de pediatría, na atención primaria.
Novas Relacionadas
Últimas novas
 
			 
			 
       
       
       
       
       
       
       
       
       
      