Caos no acceso ao exame de oposición de enfermeiro/a do SERGAS

  • AgEnfermeira
  • Sanidade Pública

CIG-Saúde denuncia a improvisación e a mala organización no acceso, na colocación nas mesas e na alta temperatura que sufriron as persoas que se presentaron ao exame da oposición de enfermeiro/a, onde era previsible unha alta participación na convocatoria.

Este domingo 25 de xuño, máis de 10.000 enfermeiros/as do SERGAS estaban chamados a realizar os exames de oposición en Silleda ás 10,00 horas, asistindo preto de 9.000 persoas. Pero non puido iniciarse como estaba previsto xa que os/as opositores/as, tiveron que sufrir unha enorme retención na peaxe da autoestrada de acceso a Silleda. As esperas foron de preto dunha hora, que provocaron que houbera enfermeiros/as que se baixaran dos coches e decidiran chegar ao recinto de Silleda camiñando, ante o medo de non poder acceder ao exame.

A consellería de Sanidade limitouse a remitir un SMS avisando de que o exame non empezaba ata que rematara a retención. Para CIG-Saúde, isto non é suficiente, a Consellería debería forzar a apertura das barreiras da autoestrada, e non ter os/as opositores/as sometidos a un estrés adicional previo á realización dun exame no que se xogaban unha praza fixa no SERGAS.

O exame tivo un retraso no seu inicio de unha hora e media, cos/as opositores/as dentro do recinto e sentados. O problema xurdiu para acudir aos baños durante esa espera. Estaba previsto, e así figuraba nos paneis informativos, que non se podería acudir ao baño ata a realización do exame específico, pero o tempo de espera foi tan grande que a organización non foi quen de controlar que acudiran aos baños aínda que non estaba permitido.

As persoas que realizaron  o exame tamén trasladan o problema  de ter que realizar as probas sometidos a altas temperaturas no verán ou a moi baixas temperaturas no inverno. Desta volta o que tiveron que soportar os/as opositores/as foi a calor sufocante, porque o retraso no inicio provocou que continuasen as probas ata preto das 15,00 horas.

CIG-Saúde tampouco considera aceptable a colocación dos/as opositores/as nas mesas. Había mesas con 3 persoas que estaban tan pegadas que tiveron que facer o exame cos cóbados pegados ao corpo, e non dispoñían de espazo suficiente para facer o exame co cuestionario aberto e a folla de respostas, sen tocar o exame da persoa que estaba ao lado.

Para CIG-Saúde esta situación non tiña que terse dado. Na planificación da colocación dos/as participantes tiña que evitarse isto, máxime cando había mesas valeiras.

A alta participación, que era previsible, fixo que o SERGAS tivera que improvisar, pero tamén puxo en evidencia que estas macro oposicións nun único recinto e de forma centralizada ten grandes limitacións en canto aos accesos, e sobre todo, na organización dos espazos.

Volver