Carreira profesional: convocatoria 2025

Publicado hoxe no DOG

  • Carreira profesional
  • Sanidade Pública

RESOLUCIÓN do 21 de xullo de 2025, da Dirección Xeral de Recursos Humanos, pola que se convoca o procedemento ordinario de acceso aos graos I a IV da carreira profesional correspondente ao ano 2025.

Prazo de presentación de solicitudes do 12 de agosto ata o 30 de setembro.

Con independencia do prazo que se establece para presentar as solicitudes, este requisito de estar en servizo activo (ou ter reserva de praza) entenderase referido a calquera día entre o 1 de agosto e o 30 de setembro.

Valoraranse exclusivamente os méritos acadados durante o período en que o/a profesional permaneceu encadrado/a no grao inmediatamente inferior.

Serán valorados os méritos acadados ata o último día do prazo de presentación de solicitudes (30 de setembro de 2025).

Tal e como dispón a Orde do 1 de marzo de 2022, a avaliación da epígrafe de competencias persoais (incluídas na área I do baremo) realizarase con base nunha avaliación 180 a través dun ou varios cuestionarios; os cuestionarios contarán con preguntas relacionadas coas competencias persoais definidas na propia orde e referiranse a condutas
observables e específicas relacionadas con esas competencias; estarán á disposición dos/das profesionais na Oficina Virtual do Profesional; cubriraros, de xeito obxectivo, o/a propio/a profesional (autoavaliación), o/a seu/súa superior xerárquico/a ou responsable directo/a e tres pares ou iguais, e a súa formalización realizarase de forma anónima e será obrigatoria.

Os ditos cuestionarios dirixidos a valorar as competencias persoais estarán dispoñibles, para esta convocatoria, durante o mes de outubro.

Pola súa relevancia estratéxica, para impulsar a participación dos profesionais nos procesos de carreira profesional, a cobertura por un/unha profesional de todos os cuestionarios de avaliación de competencias persoais que lle sexan requiridos valorarase con 1 punto dentro da área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización).

Para fomentar o coñecemento acerca das persoas xordas e da linguaxe de signos, facilitar as estratexias comunicativas e dar a coñecer a figura do/da intérprete de lingua de signos no ámbito sanitario, tamén se valorará con 1 punto dentro da área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización) a realización de calquera edición do curso denominado A comunicación coas persoas xordas na consulta.

  • Código 2518370: autoformación 4 horas

En consonancia coa Estratexia galega de saúde 2030, para fomentar o coñecemento da sostibilidade e da economía circular no sistema sanitario, tamén se valorará con 1 punto dentro da área IV do baremo (implicación e compromiso coa organización) a realización de calquera edición do curso Sostibilidade no Servizo Galego de Saúde.

  • Código 2518710: autoformación 5 horas

Ambos os cursos están dispoñibles na plataforma web da Axencia Galega para a Xestión do Coñecemento en Saúde ACIS: https://acis.sergas.gal/

A resolución sobre o recoñecemento do grao ditarase no prazo dos catro meses seguintes á finalización do prazo de presentación de solicitudes. No caso de non ditarse a resolución nese prazo, a solicitude entenderase desestimada.

As resolucións estimatorias de recoñecemento do grao terán efectos económicos desde o 1 de xaneiro de 2026. Con independencia destes efectos económicos, o cómputo da permanencia para acceder ao grao seguinte iniciarase o día da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Excepcións nos períodos de permanencia

1. Facultativo/a especialista de atención primaria:  con tres anos de servizo activo no grao inicial poderá solicitar o grao I da carreira profesional na categoría.

2. Médico/a de familia que realice titorías na especialidade de medicina familiar e comunitaria:

  • os/as médicos/as de familia co grao III recoñecido poderán solicitar o grao IV no caso de que, no seu período de permanencia nese grao III, acrediten cinco anos de exercicio efectivo da titoría na especialidade de medicina familiar e comunitaria.
  • os/as médicos/as de familia co grao inicial recoñecido poderán solicitar o grao I se, no seu período de permanencia nese grao inicial acreditan dous de titoría.

Volver