Chamamento á mobilización contra a represión sindical no H. Quirón Santa Teresa
- A Coruña
- Sanidade Privada
Ante as últimas actuacións da patronal da sanidade privada contra as persoas representantes de CIG - Saúde, consideramos imprescindible dar unha resposta sindical firme, colectiva e visible.
Recentemente tivo lugar un ataque directo ás accións que as persoas delegadas da CIG - Saúde levan a cabo en defensa dos dereitos laborais nos centros de traballo. Nesta ocasión, os feitos producíronse no Hospital QuirónSalud Santa Teresa da Coruña, onde a compañeira Laura Méndez foi expedientada por unha suposta falta grave e o compañeiro Javier Porteiro foi sancionado cun despedimento disciplinario, alegando en ambos casos erros graves relacionados coa xestión de documentación e coa protección de datos.
Que se agocha detrás destas actuacións? Un claro acoso e derribo que levan tempo sufrindo as compañeiras e compañeiros da CIG-Saúde, como consecuencia directa da súa actividade sindical, das accións contra os abusos da empresa e da defensa constante das persoas traballadoras.
Estas medidas represivas non son casuais, senón perfectamente orquestadas para silenciar á CIG - Saúde, intimidar ás persoas delegadas e frear a organización e a loita colectiva nos centros de traballo. Lembrar que este centro foi un dos que abandeirou as xornadas de folga durante a negociación do anterior convenio da provincia da Coruña, situándose na primeira liña da loita sindical.
Por todo isto, facemos un chamamento forte e inequívoco a acudir todas e todos o día 22 de xaneiro, ás 11:30 horas, diante da entrada do Hospital QuirónSalud Santa Teresa, na Coruña.
É o momento de facernos ver, de que a patronal da sanidade privada galega teña claro que se tocan a unha das persoas delegadas, tócanos a todas e todos. Esta mobilización ten que ser unha auténtica demostración de forza, de solidariedade e de compromiso coa defensa da liberdade sindical.