CIG-Saúde denuncia que a Xunta pretende aprobar un listado desfasado, non consensuado e cheo de erros para aplicar o decreto do persoal investigador
- Institutos investigación
- Sanidade Pública
Na reunión da Mesa Xeral de Empregados Públicos celebrada o 23 de xullo de 2026, a Administración presentou a Memoria funcional da proposta de creación do cadro de persoal investigador, coa relación dos postos que considera afectados polo Decreto 12/2024, publicado en xaneiro de 2024, polo que se regula a organización, promoción e carreira profesional do persoal investigador laboral da Xunta de Galicia. O decreto establece un marco común para o persoal investigador e técnico dos organismos públicos de investigación da Xunta.
Segundo a memoria, identifícanse 167 postos distribuídos nas categorías de:
- Investigador/a establecido/a (R3): 64 postos
- Investigador/a sénior (R4): 4 postos
- Técnico/a de investigación sénior: 32 postos
- Técnico/a superior de investigación: 67 postos
No ámbito da Sanidade a proposta apenas identifica 28 postos, repartidos entre:
- Fundación Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago (IDIS): 15 postos
- Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica: 6 postos
- Fundación Biomédica Galicia Sur: 5 postos
- Fundación Pública Galega de Investigación Biomédica (INIBIC): 2 postos
Para elaborar esta clasificación, a Administración afirma que tomou como criterio principal se o doutoramento era un mérito ou un requisito para acceder ao posto. Así, cando o doutoramento era un mérito clasificou os postos como Técnico/a Superior de Investigación, mentres que cando era un requisito os clasificou como Técnico/a de Investigación Sénior ou Investigador/a Establecido/a (R3) segundo as funcións indicadas polas entidades. Para identificar os postos R4, a propia memoria indica que se utilizaría como criterio que se tratase de postos de dirección de centros, organismos, unidades ou estruturas de investigación ocupados por persoal doutor.
Segundo explicou a Administración, tras a aprobación do decreto en xaneiro de 2024 constituíuse un grupo de traballo integrado por varias direccións xerais, entre elas Emprego Público e GAIN. En outubro de 2024 solicitouse ás entidades un primeiro listado dos postos afectados e durante 2025 remitiuse un novo requirimento para diferenciar entre postos R3 e Técnicos de Investigación Sénior. Con esa información elaborouse esta memoria, sen realizar ningunha avaliación individual dos currículos profesionais das persoas afectadas. Unha vez aprobada abrirase un proceso voluntario de adscrición para o persoal fixo, que implicará un cambio do vínculo xurídico e a creación dun novo instrumento de ordenación do persoal.
A CIG esixe máis prazo para presentar alegacións
A documentación foi remitida ás organizacións sindicais o venres 17 de xullo ás 14:00 horas, apenas uns días antes da Mesa.
CIG Saúde, xunto co resto das organizacións sindicais, solicitou ampliar o prazo para presentar alegacións, polo menos ata setembro, tendo en conta o gran número de organismos e entidades afectadas, a dificultade de contactar co persoal durante o período estival e o feito de que o listado presentado xa nace desfasado.
A Administración rexeitou a petición e mantivo o prazo para presentar alegacións ata o martes 28 de xullo.
Non se pode aprobar este listado sen a negociación previa cos Comités e persoas delegadas
O Decreto 12/2024 foi negociado no seu momento, sendo aprobado co apoio de CCOO, CSIF e UGT e co único voto en contra da CIG.
Porén, o que agora pretende aprobar a Xunta non é o decreto, senón a relación concreta dos postos afectados, e esta non foi negociada previamente cos Comités de Empresa nin coas persoas delegadas de cada centro de traballo.
CIG Saúde denunciou que impedir a participación da representación legal do persoal nun proceso que afecta directamente á organización do emprego e ás condicións laborais pode supoñer mesmo un incumprimento do dereito fundamental á representación sindical.
Por iso, esiximos que esta relación sexa previamente debatida e negociada en cada organismo antes de ser aprobada definitivamente.
Nas fundacións biomédicas continúa sen establecerse correctamente o persoal afectado
No caso das fundacións de investigación biomédica, CIG Saúde denunciou que continúa sen definirse correctamente quen é realmente o persoal afectado polo decreto.
Resulta especialmente grave que se pretenda aprobar agora unha clasificación definitiva cando nin sequera existe unha identificación correcta das persoas ás que debería aplicarse, nin se aclarou definitivamente o vínculo xurídico derivado da integración destas fundacións no sector público.
O decreto non pode substituír a negociación colectiva
As fundacións biomédicas están negociando actualmente o seu II Convenio Colectivo, mentres que a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica negocia o primeiro.
Durante a Mesa, a Administración sostivo que as condicións económicas xa quedan establecidas no propio decreto.
CIG Saúde está totalmente en contra desta afirmación.
O Decreto establece unhas condicións mínimas, pero en ningún caso fixa todas as condicións laborais nin substitúe a negociación colectiva.
Correspóndelles aos convenios colectivos concretar as retribucións, a carreira profesional e as particularidades de cada posto, sempre respectando eses mínimos. Pretender que o decreto pecha ese debate supón baleirar de contido a negociación colectiva e limitar dereitos laborais recoñecidos.
A propia Administración comprometeuse a remitir unha memoria económica, recoñecendo implicitamente que a memoria presentada nin sequera resolve esta cuestión.
A clasificación dos postos R4 incumpre os propios criterios da memoria da Xunta
A propia memoria establece que a categoría R4 corresponde aos postos de dirección de centros, organismos, unidades ou estruturas de investigación.
Porén, o listado presentado limita practicamente esta categoría ás direccións dos organismos.
A Xunta ignora tanto o criterio recollido na propia memoria como o establecido no Decreto 12/2024, incluso ao artigo do decreto que recoñece a clasificación dos convenios de referencia, deixando fóra postos que dirixen unidades e liñas de investigación e que, conforme aos seus propios criterios, deberían ser clasificados como R4.
Nin sequera aplican os criterios que eles mesmos redactaron.
A Xunta perde unha oportunidade histórica para dignificar a investigación pública
A crítica de CIG Saúde vai moito máis alá deste listado.
Este decreto podería servir para mellorar realmente as condicións laborais de todo o persoal que sostén a investigación pública galega.
Porén, a Xunta decidiu limitar os seus efectos a unha pequena parte do persoal investigador, deixando fóra á maioria das profesionais que realizan tarefas imprescindibles para que exista investigación pública.
Persoal técnico, persoal de apoio, persoal de investigación clínica, persoal de xestión da investigación e moitos outros colectivos continuarán exactamente nas mesmas condicións de precariedade.
Nas entidades que dispoñen de convenio colectivo, como as Fundacións de Investigación Biomédica ou as que o están a negociar como a Fundación Pública Galega de Medicina Xenómica, aínda existe a oportunidade de corrixir estas desigualdades durante a negociación dos convenios. A Xunta pode optar por garantir condicións dignas para todo o persoal ou, pola contra, consolidar discriminacións salariais e profesionais entre persoas que desenvolven o seu traballo nos mesmos centros de investigación.
Nas entidades que nin sequera contan cun convenio colectivo propio, a situación será aínda peor. O persoal continuará sufrindo a mesma precariedade laboral de sempre, demostrando que a Xunta non ten ningunha intención real de mellorar as condicións do conxunto da investigación pública galega.
Desde CIG Saúde advertimos que, cando se produzan situacións nas que persoas que realizan traballos equivalentes reciban un trato distinto, defenderemos o principio de "a igual traballo, igual salario", utilizando todas as vías de negociación e tamén as accións xudiciais que sexan necesarias.
A CIG denuncia unha nova chapuza da Xunta
A Xunta pretende aprobar un listado desfasado, non consensuado e cheo de erros, elaborado sen negociación coa representación sindical dos centros de traballo e sen resolver cuestións fundamentais que afectan ao persoal.
O exemplo das fundacións sanitarias é especialmente ilustrativo: nelas traballan arredor de 600 persoas dedicadas á investigación, mentres que esta proposta só afecta a 28 postos.
Se esta mesma proporción se traslada ao conxunto das entidades públicas galegas dedicadas á investigación, a conclusión é evidente.
A Xunta está a crear dúas categorías de persoal adicado á investigación.
Un grupo moi reducido poderá acceder ás condicións mínimas necesarias para desenvolver unha carreira profesional estable e mellorar parcialmente as súas condicións laborais.
Mentres tanto, a inmensa maioría do persoal investigador, técnico, de apoio e de xestión continuará exactamente na mesma precariedade de sempre.
Esta diferenza será aínda máis evidente no conxunto do sistema público galego de investigación, onde o número de persoas excluídas deste decreto multiplica exponencialmente ás poucas que poderán beneficiarse del.
A investigación pública galega necesita estabilidade, salarios dignos e carreiras profesionais para todo o persoal. O que presenta a Xunta é unha nova chapuza administrativa promovida por intereses políticos, que crea persoal de primeira e de segunda e renuncia a resolver os problemas estruturais da investigación pública en Galicia.