CIG-Saúde alerta da precaria situación no centro de saúde de Monforte tanto en pedriatría como en medicina de familia

  • Monforte

CIG-Saúde de Monforte alerta da situación precaria na atención do centro de saúde de Monforte no que, onte xoves non había ningunha pediatra e no que non haberá axenda de mañás até o 4 de xaneiro. No centro, que atende as crianzas de Monforte, Pantón e Sober, soamente haberá unha prolongación da xornada de tarde de pediatría até o día 3 e faranse só as revisións das crianzas pequenas. Ademais, para os días 2, 3 e 4 de xaneiro as citas están anuladas "pero non se poden reasignar. Se as familias queren coller cita para un/ha cativo/a hai unha lista de espera para os/as tres pediatras dunha media de 15 días".

Explican que a Xerencia "deu orden de que todas as crianzas que teñan entre 0 e 9 anos, e até 6 crianzas por día, terían que ir ao centro de saúde de Chantada e o resto derivalas ao Hospital. Se o neno ou nena ten máis de 9 anos, a enfermería triaría esa urxencia e sería derivada ao médico ou médica de familia que lle corresponde segundo sexan de Monforte, Sober ou Pantón".

Estes días estaba só unha pediatra dos/as tres que hai no centro. "A situación que vimos in situ o 28/12 foi desastrosa: a profesional desbordada e a sala ateigada de crianzas a media mañá e eran as 14:45 e aínda quedaban cativos/as pendentes de atender", alertan.

Critican que a Área Sanitaria Lugo-A Mariña-Monforte non está facendo nada para pór remedio a esta situación, que non é puntual, pois "leva pasando dende antes do verán". "Entendemos que non hai persoal facultativo, pero a nosa Xerencia non fai moito para solucionalo", engaden, e neste senso denuncian que as ofertas que se fan ás e aos profesionais son "contratos lixo como foi no verán, que lles deron seis meses". Isto falta de estabilidade provoca que o xa marcharan tres facultativas para outras áreas sanitarias nas que lles ofertaron mellores contratos.

Faltan tamén médicas/os de familia

Esta situación esténdese tamén á medicina de familia. Así, sinala a CIG-Saúde de Monforte, dos/as 12 médicos/as que hai no centro na quenda de mañá, o día 28 só había cinco pasando consulta e comezaron a consulta "con máis de 50 pacientes citados/as e seguramente se incrementou bastante máis ao longo da xornada". Estas ausencias prodúcense porque hai varios facultativos/as de baixa e de días de permiso, sen cubrir. De tal xeito que, se un ou unha paciente quere solicitar cita para a médica hai unha media mínima de 15 días.

A CIG-Saúde Monforte lamenta que dende a Xerencia non se adopten medidas para corrixir estas deficiencias e garantir unha atención digna a poboación da comarca. Por iso piden distribuír os recursos onde se necesitan e que se oferten contratos de longa duración  "para que non marchen as e os profesionais a outras áreas sanitarias".

Volver