CIG Saúde de Lugo A Mariña e Monforte denuncia que a falta de subministros por parte da xerencia de lugo pon en risco o bo funcionamento dos centros sanitarios e a calidade na atención ás persoas

  • Burela
  • Lugo
  • Monforte

Diante das queixas, as persoas traballadoras so reciben respostas inapropiadas de directivos da Área Sanitaria e Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos

CIG Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte denuncia a xestión ineficiente, irresponsable e restritiva que está a desenvolver a Xerencia de Lugo en relación coa subministración de materiais aos centros sanitarios. Desde a área de recursos económicos, cuxo responsable último é o Xerente da Área Sanitaria, estase a aplicar unha política de recortes e austeridade  nos subministros aos centros sanitarios que repercute directamente no bo funcionamento dos mesmos e na calidade na atención ás persoas doentes.

Desde a central sindical  levan moito tempo recibindo queixas das persoas traballadoras de Atención Primaria e Hospitalaria no sentido de que se están a enviar cantidades moi inferiores ás solicitadas e de que desde a subdirección de recursos económicos se está a acusar ás persoas traballadoras ” de facer pedidos de materiais excesivos para despois deixalos caducar”. Máis a realidade é que desde os centros sanitarios pídese material segundo as necesidades pero ese material non chega nas cantidades axeitadas, obrigando ao persoal a facer “malabarismos”, solicitando a outros centros préstamos de materiais, pedindo cantidades superiores para que envíen un número de unidades máis próximo ás necesidades reais dos centros ou facendo acopio do material para garantir que vai haber existencias cando é preciso.

Negativas continuas, respostas inadecuadas e con faltas de respecto ás persoas traballadoras desde Recursos Económicos.

CIG Saúde ten coñecemento de que cando as persoas traballadoras se dirixen ao Subdirector de Recursos Económicos para tratar de solucionar os problemas que xurden coa remisión de materiais aos centros, só reciben por parte do directivo respostas inadecuadas, con faltas de respecto, comentarios inapropiados e mesmo berros como resposta a maiores de non solucionar o problema, substituíndo a súa  absoluta incompetencia con comportamentos incompatibles co desempeño do seu cargo.

Demoras na entrega de materiais a persoas traballadoras con informes de saúde laboral.

Máis non queda aquí a cousa, xa que este directivo aínda vai máis aló na desconsideración cara ao persoal sanitario e non sanitario. O sindicato nacionalista é coñecedor e denunciou que o subdirector de Recursos Económicos adiou de xeito premeditado durante moitos meses o envío de materiais derivados de informes para adaptación de posto de traballo emitidos polos servizos de prevención de riscos laborais, poñendo dificultades na súa tramitación e tardando mais dun ano no seu envío.

O material solicitado so se efectúa pola insistencia das persoas traballadoras, que aínda a maiores teñen que soportar as saídas de ton deste directivo. CIG Saúde considera totalmente inadmisible estes comportamentos que poñen en risco a saúde do persoal incumprindo os protocolos de prevención de riscos laborais.

O Xerente da Área Sanitaria é coñecedor e cómplice necesario deste xeito de proceder.

Diante destes procederes que poñen en perigo o funcionamento dos centros sanitarios, a calidade na asistencia sanitaria, a saúde das persoas traballadoras e que contan coa permisividade e o coñecemento do xerente, que actúa como cómplice necesario, desde CIG Saúde de Lugo, A Mariña e Monforte solicitamos o cesamento inmediato destes comportamentos cara ás persoas traballadoras ao tempo que solicitamos a reprobación por parte da xerencia a este directivo, que asemade debe pedir desculpas públicas ao conxunto das persoas traballadoras. No caso de non producirse esta rectificación pública esiximos o cese inmediato do Subdirector de Recursos Económicos.

Planificación anual das necesidades reais de cada centro sanitario.

CIG Saúde considera que existe unha falta de planificación e revisión das necesidades de material en cada centro de traballo. Estas necesidades deberían ser avaliadas periodicamente e de xeito individual en cada centro sanitario, xa que hai múltiples factores que inciden e mesmo poden alterar as necesidades como a idade da poboación, a carteira de servizos do centro, a demanda de atención sanitaria por parte da poboación, o tipo de patoloxías crónicas e agudas que se atenden, etc. Esta casuística, que pode ter certas diferencias en función do territorio debe ser factor fundamental na xestión das subministracións de xeito individualizado.

Esiximos por tanto que por parte da Xerencia da Área Sanitaria de Lugo, a Mariña e Monforte de Lemos se implemente un plan de revisión e avaliación anual das subministracións, centro por centro, para deste xeito adaptalas ás necesidades reais de cada centro.

Volver

An Error Occurred: Internal Server Error

Oops! An Error Occurred

The server returned a "500 Internal Server Error".

Something is broken. Please let us know what you were doing when this error occurred. We will fix it as soon as possible. Sorry for any inconvenience caused.