CIG-Saúde demanda a negociación dun plan de continxencia ante posibles gromos de COVID

Considera que hai que revisar as políticas de persoal atendendo ao incremento de carga de traballo

  • Coronavirus
  • Sanidade Pública

A CIG-Saúde vén de solicitar por escrito, á directora de Recursos Humanos do SERGAS, a inmediata convocatoria da mesa sectorial para negociar un plan de continxencias, ante posibles surtos de COVID, no que se teñan en conta as necesidades de contratación, tomando como referencia as realizadas no período anterior e os novos ratios de persoal atendendo á carga de traballo derivadas dos coidados que esta doenza require.

A secretaria nacional de CIG-Saúde, María Xosé Abuín sinala que a COVID-19 puxo de manifesto “as fortalezas e debilidades do sistema sanitario público” e evidenciou, máis unha vez, “que hai que mudar as políticas de persoal”.

Advirte de que os novos surtos de COVID se produciron antes das previsións establecidas e que hai unha enorme incerteza sobre o que pode acontecer nos vindeiros meses. Por iso entende que “deberiamos estar analizando a situación do pasado e a situación actual para achegar as medidas necesarias”.

Informes de necesidades por áreas sanitarias

Abuín lembra que na última xuntanza de mesa sectorial a CIG-SAÚDE solicitou que as xerencias e as direccións de enfermaría elaboraran informes da situación da COVID en cada unha das áreas sanitarias para, a partir destes informes, avaliar a situación.

Sinala que agora, un grupo de expertos da sanidade exixen ao goberno unha auditoría externa para analizar o que se fixo ou deixou de facer nesta pandemia. Fronte a iso afirma que a CIG-Saúde entende que esta auditoría “debería facerse no SERGAS, co persoal do sistema público, co persoal que traballa no ámbito hospitalario e de atención primaria e que mellor coñece a realidade do sistema sanitario e as súas necesidades”.

Por iso reitera a demanda de que se elabore, no marco da mesa sectorial, e negociado coa representación das e dos traballadores, ese plan de continxencia. Para isto considera que se debería solicitar desde a Dirección Xeral a todas as xerencias un informe de avaliación das necesidades de persoal, por categorías, durante os meses de maior incidencia do COVID; informe das necesidades de material de protección EPIs; número de contratos realizados; mobilidade de persoal, que medidas se tomaron para evitar a mobilidade do persoal profesional entre servizos, para garantir a súa seguridade e a das e dos doentes.

Isto, ademais das necesidades de dotación de persoal e información sobre o número de profesionais que se incorporaron na atención primaria como consecuencia do incremento do cadro de persoal, presentado na mesa sectorial con data 3 de maio de 2019.

Deseño do plan

Para a CIG-Saúde esta información é imprescindible para, a partir de aí, coñecer a realidade e deseñar ese plan de continxencias contemplando as necesidades de contratación e as nova ratios de persoal, “atendendo aos coidados que a COVID require,  á carga de traballo que supón o illamento e a gravidade das patoloxías das e dos doentes,  a utilización de EPIs durante a xornada de traballo, e outros aspectos relevantes na prestación dos coidados”.

Canda isto, a CIG-Saúde demanda que se elimine a precariedade laboral na contratación, nomeadamente, os contratos de reforzo por días; que se establezan modelos de xestión de persoal para  minimizar a súa mobilidade entre servizos, á vista de que esta foi un dos principais vectores de transmisión do virus.

Ademais solicita a negociación dun novo réxime de descansos complementarios, que se computarían como xornadas realizadas, para as épocas de maior carga de traballo; programas de conciliación familiar e saúde laboral para as persoas sensibles e para o persoal maiores de 60 anos.

Para a CIG-Saúde é necesario avaliar, especificamente, as necesidades de persoal nas unidades de críticos e nas unidades de hospitalización de COVID, para proceder a programas específicos de formación; que se negocie un novo sistema de atención domiciliaria en atención primaria; que se dote dun cadro de persoal de TCAEs e Celadoras/es no ámbito da atención primaria e que no marco desa negociación se aborde calquera outra medida de planificación que se considere oportuna.

Volver