CIG-Saúde denuncia o impago do plus de toxicidade nas clínicas dentais
- Sanidade Privada
A CIG-Saúde vén de presentar novas denuncias ante a Inspección de Traballo na provincia de Pontevedra polo incumprimento do convenio colectivo e polo non aboamento do plus de toxicidade ao persoal exposto a radiacións ionizantes nas clínicas dentais.
Estas actuacións súmanse ás xa realizadas anteriormente na provincia da Coruña, onde a propia Inspección de Traballo confirmou o dereito do persoal afectado a percibir este complemento.
O convenio recoñece un plus do 20% sobre o salario base para o persoal que desenvolva tarefas de radioelectroloxía, aínda que non sexan exclusivas.
QUEN PODE RECLAMAR?
✔ Hixienistas bucodentais
✔ Auxiliares de gabinete
✔ Odontólogos/as
✔ Outro persoal exposto a radiacións ionizantes (consulta o teu caso)
Se realizas radiografías, TAC..., utilizas dosímetro, existe dosímetro de área, tes formación en radioprotección, esixente licenza d eoprador/a ou traballas en zonas radiolóxicas, podes reclamar este dereito.
A CIG-SAÚDE ANIMA ÁS PERSOAS AFILIADAS A DENUNCIAR
Independentemente da provincia onde traballen, as persoas afiliadas afectadas poden acudir aos nosos locais para estudar reclamacións individuais e reclamar as cantidades adebedadas.
Desde a CIG-Saúde lembramos que garantir salarios dignos, cumprir a normativa laboral e protexer a saúde das persoas traballadoras non é ningún luxo nin unha carga innecesaria: é unha obriga legal e unha condición mínima para construír un sector sanitario respectuoso, profesional e sostible.
Porque non pode existir corresponsabilidade real cando os riscos existen… pero os dereitos se negan. O futuro do sector non pode construírse a costa de cuestionar dereitos laborais nin de facer recaer sobre as traballadoras o custo de cumprir coa legalidade.

Novas Relacionadas
Últimas novas