CIG-Saúde esixe ao SERGAS material de bioseguridade para administrar todas as vacinas
O persoal alerta de que todas as vacinas do calendario pediátrico se están a distribuír sen agullas de seguridade. Na campaña da gripe, nun mesmo centro conviven presentacións dunha mesma vacina con e sen protección.
- Atención primaria
- Sanidade Pública
- Saúde laboral
CIG-Saúde denuncia que o SERGAS segue a distribuír vacinas sen agullas de seguridade nin outros dispositivos de bioseguridade, malia as picadas accidentais que o persoal xa notificou en centros de saúde. A central sindical esixe que o SERGAS revise os lotes distribuídos e garanta material seguro e compatible con cada vacina, sen interromper a actividade asistencial.
A reclamación figura nun escrito do 17 de novembro dirixido á Comisión Central de Seguridade e Saúde, á Dirección Xeral de Recursos Económicos —a través da Subdirección Xeral de Compras e Servizos— e á Dirección Xeral de Atención Primaria e Comunitaria.
A protección do persoal depende da caixa que recibe
Segundo a información que o persoal trasladou a CIG-Saúde, todas as vacinas do calendario pediátrico se están a subministrar sen agullas con dispositivos de bioseguridade. O volume de vacinación infantil ao longo de todo o ano fai que a exposición a material punzante sen protección sexa continuada.
Na campaña da gripe, varios centros comunican diferenzas mesmo entre presentacións da mesma vacina. No caso de Efluelda, as caixas de dez unidades procedentes do mercado italiano chegan sen agullas de seguridade, mentres que as presentacións individuais si as incorporan. Con Vaxigrip sucede ao revés: as presentacións individuais carecen de dispositivos de bioseguridade e as caixas de dez inclúen agullas de seguridade. As fichas técnicas da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios recollen presentacións con protección para ambas as vacinas.
O persoal xa notificou picadas accidentais durante a administración de Efluelda e doutras vacinas en centros de saúde. Para CIG-Saúde, é inadmisíbel que dúas persoas que administran a mesma vacina no mesmo centro teñan distinta protección en función da caixa que lles toque abrir.
En 208 accidentes por picada ou corte, o material carecía de dispositivos de seguridade
No primeiro semestre de 2026, o SERGAS rexistrou 411 accidentes con exposición a axentes biolóxicos. Deles, 337 foron picadas ou cortes. En 208 deses 337 casos (61,7 %), o material empregado carecía de dispositivos de seguridade. As agullas estiveron implicadas en 220 dos accidentes rexistrados.
Estas cifras corresponden ao conxunto da actividade asistencial do SERGAS. O informe non detalla cantos accidentes se produciron ao vacinar. Por iso, CIG-Saúde reclama que o SERGAS facilite os datos específicos desta actividade e investigue as picadas xa notificadas.
Medidas concretas e prazos por escrito
CIG-Saúde reclama que o SERGAS adopte catro medidas:
- Garantir agullas ou dispositivos de bioseguridade compatibles con todas as vacinas, tanto na campaña da gripe como no conxunto do calendario vacinal, con especial atención á pediatría e garantindo a continuidade da atención.
- Esixir formalmente ás empresas provedoras que subministren presentacións con protección ou agullas de seguridade compatibles e incorporar esta condición aos criterios de contratación, compra e distribución.
- Revisar as presentacións e os lotes que xa están nos centros, substituír o material convencional por alternativas seguras e actualizar as avaliacións de riscos coa participación das delegadas e delegados de prevención.
- Investigar as picadas notificadas, facilitar os datos de accidentes desagregados por actividade de vacinación e comunicar por escrito as medidas que se van adoptar e os prazos para aplicalas.
O SERGAS ten capacidade para decidir que material compra, que condicións esixe ás empresas e que chega a cada centro. CIG-Saúde esixe que exerza esa responsabilidade para que todo o persoal dispoña de material seguro cada vez que administra unha vacina.