CIG-Saúde rexeita a proposta de ratios de persoal de Atención Primaria presentada polo SERGAS na Mesa Sectorial
Isto non é planificación. É chegar tarde deliberadamente aos problemas.
- Atención primaria
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
CIG-Saúde rexeita a proposta de planificación asistencial e de recursos humanos de Atención Primaria presentada polo SERGAS na Mesa Sectorial. Unha vez máis, a Administración presenta decisións elaboradas previamente en grupos de traballo externos, con persoas escollidas por ela mesma, e despreza o ámbito no que está representado o persoal sen recoller ningunha alegación.
A proposta non responde ás necesidades reais da Atención Primaria e condiciona a creación de prazas a soportar previamente situacións de sobrecarga
O máis grave é o modelo que pretende consolidar: antes de crear unha praza, as e os profesionais teñen que demostrar durante meses que están sobrecargados. En Medicina de Familia e Pediatría, o SERGAS condiciona os reforzos a que coincidan determinados niveis de TIS e unha actividade elevada, sen incorporar de maneira efectiva factores como o envellecemento, a cronicidade, a dispersión ou a complexidade da poboación. Nos PAC, pretende igualmente agardar a que exista unha sobredemanda importante para aumentar as presenzas.
A proposta reproduce, ademais, esta falta de ambición en practicamente todas as categorías. A creación de prazas de Enfermaría non pode depender da actividade ou das ratios doutros colectivos: ten que responder á carga de traballo e ás funcións propias da Enfermaría, incluída a atención domiciliaria, preventiva e comunitaria.
En Dietética-Nutrición, o SERGAS chegou a contar con 94 prazas na creación da categoría, que posteriormente se reduciron a 45, e agora non presentan ningunha planificación de incremento das prazas no período 2027-2030. Despois de tres anos de implantación en Atención Primaria, continúa ademais sen unha carteira de servizos plenamente desenvolvida.
En saúde bucodental, a carteira de servizos segue aumentando mentres o SERGAS mantén como referencia un/unha odontólogo/a por cada 25.000 persoas, sen adaptar a dotación ao incremento da actividade. CIG-Saúde reclama unha ratio de 1 profesional por cada 15.000 TIS e recursos suficientes para facer efectiva esa carteira.
Tampouco resulta aceptable a planificación de Farmacia de Atención Primaria. O propio SERGAS recoñece o aumento do envellecemento, da cronicidade e da necesidade de revisión farmacoterapéutica, pero mantén referencias de dotación que non deixan claro nin sequera que criterio determinará realmente o número de profesionais necesarios.
En Traballo Social, CIG-Saúde rexeita frontalmente que a falta de profesionais propios poida xustificarse coa existencia de persoal nos hospitais, en Política Social ou nos concellos. A Atención Primaria necesita Traballo Social propio, integrado nos seus equipos e cunha dotación suficiente. Coordinarse con outros ámbitos non significa substituír postos do SERGAS.
A creación da categoría de Podoloxía tampouco pode quedar nun anuncio propagandístico de unha praza por área sanitaria no 2027 (7 prazas) ata chegar a 1 praza por distrito no 2030 (14 prazas en total), sen concretar previamente a carteira de servizos, os circuítos, a poboación diana e unha dotación que garanta o acceso real.
Do mesmo xeito, a proposta segue sen garantir TCAE nos servizos de Atención Primaria, so garante 1 TCAE nos servizos con fisioterapia e/ou odontoloxía, desvalorizando o que esta categoría pode aportar ao conxunto do equipo.
Mantén unha ratio de matronas insuficiente para asumir a atención integral ás mulleres durante todo o seu ciclo vital.
Para o persoal de servizos xerais, o SERGAS reduce a planificación practicamente a contar axendas: un PSX por cada seis, ignorando a atención presencial e telefónica, as citacións, as reprogramacións, a fenda dixital, a dispersión ou os períodos de maior demanda.
CIG-Saúde non acepta unha Atención Primaria planificada desde un despacho e á custa da sobrecarga das e dos profesionais. O SERGAS coñece os problemas, coñece as necesidades e recibiu propostas concretas. O que falta non son máis estudos nin máis grupos escollidos pola Administración: falta vontade para poñer persoal suficiente nos centros e negociar de verdade coa representación das traballadoras e traballadores.
Novas Relacionadas
Últimas novas