CIG-SAÚDE solicita a creación inmediata do posto de Coordinadora/or de Formación de PSX

Vaise solicitar na próxima reunión de Mesa Sectorial

  • Ag Persoal non sanitario
  • Sanidade Pública

A formación continuada dxs profesionais da sanidade pública é unha ferramenta indispensable para o desenvolvemento do traballo a realizar.

Dentro do SERGAS hai colectivos de profesionais que acceden sen unha titulación específica, aos que se lles esixe, cada día máis, un amplo coñecemento do funcionamento do SERGAS, das súas ferramentas informáticas, da aplicación dos cambios lexislativos ou das novas prestacións sanitarias .

Un dos colectivos que está nesta situación é o de PSX de atención primaria, que precisan dunha actualización constante das funcións a desempeñar no seu posto de traballo, sen que o SERGAS lles ofreza a formación necesaria.

Desde CIG-SAÚDE, solicitamos do SERGAS a creación de 7 postos de Coordinadoras/es de Formación do grupo de PSX, un posto por xerencia, que serían ampliables en función das necesidades de formación.

E así llo imos solicitar na próxima reunión de Mesa Sectorial, a celebrar no mes de xuño de 2021.

A categoría de Coordinadorxs de Formación para os colectivos de Técnicos Superiores e de TCAEs, está creada no SERGAS desde o ano 2003, recollida no acordo do 1 de outubro sobre melloras retributivas e profesionais.

Agora, unha vez detectadas as necesidades de formación das PSX de Atención Primaria, toca incorporar a categoría de Coordinadoras de Formación de PSX.

A Coordinadora de Formación do persoal PSX tería, entre outras, as seguintes funcións:

• Participar nas comisións de docencia, calidade e aquelas que teñan relación coas áreas de formación e docencia.
• Detectar as necesidades de formación do persoal, participando na organización da formación para estes colectivos.
• Colaborar coa formación das profesionais das listas de selección temporal así como das profesionais de nova incorporación aos postos das unidades ou servizos.
• Participar, dentro do ámbito das súas competencias, nos obxectivos atribuídos pola dirección do centro.

Asi mesmo, tamén imos solicitar que o persoal inscrito nas listas de selección temporal poidan acceder á formación da ACIS.

Volver