CIG-Saúde solicita unha Mesa Sectorial extraordinaria e urxente para facer unha valoración das incidencias acontecidas durante o colapso eléctrico
- Sanidade Pública
Desde CIG-Saúde vimos de mandar un correo ao Conselleiro de Sanidade e á dirección do Servizo Galego de Saúde solicitando unha Mesa Sectorial extraordinaria e urxente para facer unha valoración das incidencias acontecidas durante o colapso eléctrico.
O texto do correo enviado é o seguinte:
CIG-Saúde solicita unha Mesa Sectorial extraordinaria e urxente para facer unha valoración das incidencias acontecidas durante o colapso eléctrico.
CIG-Saúde detectamos varios incidentes en todo o país:
-
- Déficit na comunicación interna e externa nos centros sanitarios e de xestión da sanidade pública.
- Problemas cos xeradores eléctricos por combustión, con dificultades para o subministro de gasoil.
- Caída dos programas informáticos que dan soporte a asistencia sanitaria e a xestión do conxunto do sistema sanitario.
- Falta de protocolos de actuación e coordinación diante de situacións de crise.
Estes incidentes merecen ser analizados coa finalidade de ver en que se fallou e adoptar medidas correctoras, para que, de volver a acontecer algo similar, se minimicen estes incidentes.
É especialmente grave o fallo dos sistemas de comunicación, xa que é vital á hora de actuar, sobre todo no caso das urxencias/emerxencias. O SERGAS ten que ter un sistema de comunicación autónomo que actúe no caso de que se produza o corte na enerxía eléctrica e nas comunicacións baseadas en telefonía móbil e internet.
A prestación da asistencia sanitaria non pode depender de empresas de comunicación privadas que claramente teñen outros fins.
Nalgún hospital, como o Abente e Lago de A Coruña, non houbo subministro eléctrico nin de auga durante mais de 6 horas, con persoas hospitalizadas en condicións especialmente delicadas, profesionais incomunicados e prestando a atención mesmo con lanternas dos móbiles.
Nos centros de atención primaria e nalgúns PACs non houbo tampouco subministro eléctrico, auga e fallaron tamén as comunicacións, co que a situación de illamento xerou unha grande inseguridade tanto nos/as pacientes coma nos/as profesionais.
En canto ao establecemento de protocolos para estas situacións de falta de subministro eléctrico e/ou de comunicacións, é necesario que existan protocolos de actuación nestas situacións de emerxencia e persoas encargadas e equipos de intervención para facelos efectivos, para que, de volver acontecer, se minimicen os incidentes.
CIG-Saúde, xunto coa FGAMT (federación da CIG que representa, entre outros, os sectores de ambulancias, telecomunicacións e telefonía), achegamos unha serie de propostas para mellorar os sistemas de comunicación e resposta neste tipo de situacións, que permitirían garantir as comunicacións na sanidade pública en situacións extremas de falta de electricidade como o vivido o pasado 28 de abril.
Agardamos que se teña en conta esta solicitude de Mesa sectorial e se nos responda as medidas propostas para mellorar os sistemas de comunicacións.
Novas Relacionadas
Últimas novas