CIG Saúde Valdeorras denuncia a política sanitaria de desmantelamento da Xerencia á Área sanitaria de Ourense

  • O Barco

A CIG-Saúde Valdeorras considera que a Xerencia da Área sanitaria de Ourense, Verín e Barco de Valdeorras, xunto coa Dirección de Distrito son culpables da política sanitaria de desmantelamento de servizos clínicos no Hospital Publico de Valdeorras (HPV) e da política de precarización de contratos aplicada aos profesionais do Distrito Sanitario de Valdeorras; e intentan agochar estas prácticas, dende a creación da EOXI, coa negativa a entregar o cadro de persoal do HPV ás organizacións sindicais.

Ademais, a todo isto nos últimos tempos súmase a negativa de entregar aos representantes dos traballadores os resultados das avaliacións de riscos laborais efectuadas en relación á COVID-19 no PAC do Barco de Valdeorras e no Centro de Saúde e PAC de Viana do Bolo por ser probablemente contrarias aos intereses da Xerencia.

Igualmente esta central sindical considera un enorme despropósito e a gota que colma o vaso o feito de negarse a dirección a investir unha pequena cantidade de diñeiro e adecuar un cuarto na unidade de reanimación para realizar illamentos de pacientes infecto contaxiosos, dotándoo de presión negativa e os filtros axeitados. Esta medida, barata e doada de implementar é rexeitada por unha xerencia que dende Ourense ve moi lonxe os problemas
e necesidades de Valdeorras.

Coñecendo os propostas de proxectos de adecuación do citado cuarto e o seu custo, ter que ver como a dirección dende Ourense négase a esta inversión de escasa contía (a opción mais barata era so 3000 euros e hai intermedias sobre 12000 €) é algo inasumible por esta central sindical e os seus delegados de prevención. A saúde e a vida das nosas profesionais ou dos nosos e nosas pacientes vale mais que cumprimento dos seus obxectivos de xestión ou o mantemento das súas prebendas directivas.

A CIG- Saúde Valdeorras pide a dimisión do Xerente do Area Sanitaria de Ourense Verín e Barco de Valdeorras por ignorar as necesidades do Distrito Sanitario de Valdeorras; e da Directora de Distrito Margarita Rodríguez por considerar que a súa figura organizativa é un gasto prescindible sendo so un elemento decorativo que carece das competencias ou autoridade para dirixir a sanidade valdeorresa e do valor para defendela.

Volver