CIG SAÚDE VIGO SOLICITA INFORMACIÓN DIANTE DO GROMO DO HOSPITAL DO MEIXOEIRO

Ante a gravidade do acontecido e a falta de información por parte desta Xerencia CIG SAÚDE solicitou formalmente información e esixe que se lles tramite de oficio a baixa por accidente laboral as traballadoras afectadas

  • Atención hospitalaria (CHUVI)
  • Vigo

CIG-Saúde considera moi grave a situación que se está a producir no Hospital do Meixoeiro de Vigo, cun gromo do que se nos foi informando o domingo día 17 de Xaneiro, onde se comunicaba a existencia de 12 casos COVID-19 positivos na unidade de xeriatría, que se detectaron tras a confirmación dun caso positivo que acudiu ao servizo de urxencias trala alta da unidade.

Para poder facer unha avaliación do sucedido, solicitamos a seguinte información:

1. A día 19 de Xaneiro se nos informa do aumento do gromo á ala contigua, tendo as traballadoras coñecemento desta situación na madrugada do 17 ao 18 de xaneiro, polo tanto fomos informados mais de 24h despois de producirse o problema. Queremos que se nos informe por escrito a canto ascende o número de persoas positivas, separado por doentes e traballadoras/es, indicando neste caso as categorías profesionais e os ámbitos onde desenvolveron as súas funcións.
2. Descoñecemos na actualidade a situación do resto do cadro de persoal destas unidades, se están en corentena, que tipo de seguimento se esta a realizar e se se vai estender o cribado ao resto do centro hospitalario. Solicitamos aclaración.
3. No caso das traballadoras/es positivas/os tramitóuselles de oficio a súa baixa como accidente laboral?
4. Chéganos a información de que traballadoras con PCR pendente foron vacinadas e posteriormente resultaron positivas. Solicitamos se nos informe da veracidade desta información e como se vai proceder nestes casos.

Ante a situación anteriormente descrita SOLICITAMOS:
• Se considere corentenar o cadro de persoal en contacto cos positivos ante a posibilidade de que este gromo siga medrando nun "Hospital Libre de COVID" .
• Se lles tramite de oficio a baixa por accidente laboral as traballadoras afectadas.
• Que se informe as Delegadas de Prevención, lembrarlles que a Lei de Prevención de Riscos Laborais no seu artigo 18 recolle a obriga empresarial de proporcionar a información necesaria para a participación das delegadas na Prevención de Riscos Laborais.
 
Sen outro particular agardamos teñan a ben informarnos sobre a situación, así como que teñan en conta as solicitudes realizadas coa fin de evitar unha situación mais complicada e asegurar a protección da saúde das traballadoras.

Volver