CIG-Saúde consegue unha vitoria xudicial na defensa das funcións do persoal técnico superior
O TSXG dálle a razón ao persoal técnico superior de laboratorio e confirma unha sentenza que obriga o SERGAS a respectar as funcións propias desta categoría profesional.
- Sanidade Pública
No ano 2016, varias TSL decidiron dar un paso adiante na defensa das funcións propias da súa categoría profesional, iniciando un procedemento xudicial que foi asumido e defendido, desde o primeiro momento ata esta resolución, pola asesoría xurídica de CIG-Saúde.
Dez anos despois, a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galiza é firme e desestima o recurso presentado polo SERGAS, recoñecendo a obriga da Administración de respectar as competencias profesionais do persoal técnico superior de laboratorio.
Que se conseguiu con esta sentenza?
A resolución xudicial establece que a organización do traballo non pode servir de xustificación para desvirtuar as funcións legalmente atribuídas a cada categoría profesional.
No caso concreto do Banco de Sangue do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago, a sentenza recoñece as competencias exclusivas do persoal técnico superior de laboratorio na realización de procedementos técnicos, no rexistro de incidencias e na recepción e rexistro de solicitudes de mostras, co respecto ás funcións clínicas que corresponden a outros colectivos.
O SERGAS debe adoptar as medidas necesarias para garantir que o persoal técnico superior de laboratorio poida desenvolver as funcións que lle corresponden conforme á normativa.
Unha conquista que reforza a defensa de todo o persoal técnico superior
Esta sentenza supón un importante respaldo á reivindicación histórica de CIG-Saúde: o persoal técnico superior ten dereito a exercer plenamente as funcións para as que está formado e cualificado.
O recoñecemento profesional non pode quedar unicamente no nome dunha categoría ou nunha titulación. Ten que traducirse no exercicio efectivo das competencias propias, no respecto á cualificación profesional e nunha organización do traballo acorde coa normativa.
Esta vitoria demostra que os dereitos profesionais non se conceden: deféndense e conquístanse.
CIG-Saúde seguirá traballando para que o persoal técnico superior ocupe o lugar que lle corresponde, coas funcións, as competencias e o recoñecemento profesional que merece.