CIG-Saúde denuncia outro desvío de cartos públicos á empresa privada

O SERGAS faille traballos a empresas privadas para aforrarlles contratación

  • Ferrol

Dende CIG-Saúde denunciamos que nesta Área Sanitaria obrígase ás técnicas de farmacia a preparar a medicación para un centro privado, o xeriátrico de Laraxe, dun xeito diferente ao resto de xeriátricos da Área. A este centro concretamente envíaselle a medicación diferenciada por paciente, día e ata diferenciando almorzo, comida e cea, cando ao resto de xeriátricos envíaselles toda a medicación xunta para a semana e alí, o persoal do centro fai o traballo de preparala para cada usuario.

Dende o SERGAS e con cartos públicos facémoslle un traballo a unha empresa privada, DOMUS VI, que non facemos por exemplo a un centro público como é a Residencia Mixta de Maiores de Caranza. Ata a medicación que se envía á hospitalización do SERGAS vai en monodose para 24 horas, e logo o persoal de enfermaría ten que desglosalo nas diferentes tomas. CIG-Saúde denunciamos que pola porta de atrás aforrámoslle contratación ao xeriátrico e o facemos con cartos públicos.

Isto leva acontecendo anos, e cando dende CIG reclamamos, recibimos por resposta que o queren amañar pero a realidade é que seguimos facéndolle o traballo a unha empresa privada, cando a carga laboral do persoal técnico da farmacia da área de sanitaria de Ferrol cada día é máis. Destinamos a traballadoras públicas a facer traballos para a empresa privada, que non facemos para as unidades do propio hospital nin para xeriátricos públicos.
Son traballadoras públicas traballando para unha “sanidade pública e de calidade” non para aforrarlle contratacións á empresa privada.

Volver