Comunicado sobre o estudo de prevalencia COVID-19

Xestión irresponsable do sergas + Triaxe imprescindible

  • A Coruña

1. É imprescindible a triaxe en todos os centros sanitarios

Observamos con preocupación que a volta á 'normalidade' está favorecendo a falta de protección dos profesionais. Temos que saber día a día se calquera que accede a un centro sanitario pode ser un suposto caso, sexa aos centros de saúde ou aos centros de consulta e/ou ingreso hospitalario, tanto os pacientes como os acompañantes.

Nos centros de saúde isto pasa polo establecemento dunha triaxe á entrada do centro e por manter a cita exclusivamente telefónica. Calquera cita presencial ten que ser dada polos propios profesionais despois dunha evaluación telefónica. Dese modo se reducen as citas presenciais innecesarias e fanse as presencias no lugar e coa protección que é necesaria (suposto COVID-19 ou non).

Nos hospitais debe facerse o mesmo. Calquera cita presencial debe ser contactada o día anterior para investigar o risco de contaxio. E todos os servizos hospitalarios deberían ter a opción de e-consulta, cousa que inexplicablemente aínda non sucede na Coruña. As visitas nas plantas deben ser reducidas ao mínimo e debe reakuzarse triaxe de calquera acompañante.

A 'normalidade' non é volver facer o mesmo de antes. Non pode circular ninguén polos centros sanitarios sen triaxe previa, sexa telefónica ou de presencia.

A dirección da Área de A Coruña debe incrementar persoal para poder realizar este traballo con garantías.

 

2. Estudo de seroprevalencia de novo. Xestión irresponsable das direccións do sergas

O 8 de xuño o sergas ten intención de continuar co seu estudo de seroprevalencia, cunha segunda realización dos tests que xa se usaron na primeira (Proba rápida de anticorpos totais fronte a COVID-19: Wondfo SARS-CoV-2 Antibody Test).

Empeza a realización dos tests o 8 de xuño e remata o 20 de xuño, aínda que a data de día 1 xa están nos centros os listados de candidatos a participar e xa hai que empezar a chamalos.

Deste modo en Galicia será o 3º estudo de seroprevalencia que se realiza (2 da Xunta e 1 do Goberno central).

É totalmente irresponsable e, probablemente non vai aportar resultados útiles para o manexo da pandemia, pero conseguirá ter ocupada á enfermaría de atención primaria desde o 1 ata o 20 de xuño, en pleno período de intentar normalizar a realización de tarefas como analíticas, electrocardiogramas, espirometrías, retinografías e a propia consulta de enfermaría. Despois de feito o test ocupan a axenda médica para informar do resultado. Absurdo!

Reclamamos a inmediata paralización desta medida incomprensible e negativa para a cidadanía e o sistema.

 

Vede o posicionamento da Asociación Galega de Medicina Familiar e Comunitaria. Xa teñen enviada a petición de posicionamento ao Comité Ético de Investigación Clínica de Galicia.

Entre outras cousas di: "Parécenos que só dende unha actitude e intención propagandística se pode entender a continuidade deste estudo absurdo que compromete a desexada reactivación asistencial na Atención Primaria. Sería unha boa noticia desistir de actividades tan pouco útiles nestes momentos e pedimos reconsiderar a súa continuidade."

https://www.agamfec.com/comunicado-sobre-o-estudo-de-seroprevalencia/

Volver