
Concentración diante do Ministerio o día 1 de outubro de 2025
Por un Estatuto Marco xusto e que poña en valor as persoas que traballamos na sanidade pública
- Sanidade Pública
CIG-Saúde denuncia que o Ministerio baleira de contido o novo Estatuto Marco
- O borrador tratado na reunión do día 22 de setembro ten aínda máis carencias que o anterior en aspectos fundamentais e é incapaz de garantir dereitos e de mellorar as condicións laborais do persoal da Sanidade Pública.
- CIG-SAÚDE exixe ao Ministerio de Sanidade que presente un informe técnico-xurídico e unha memoria económica do impacto do novo Estatuto Marco.
- Tamén reclama que se convoque o Ámbito de negociación para tratar, en sesións monográficas, os tres aspectos máis destacados que nos impiden apoiar o documento actual: nova clasificación ligada a novas retribucións, recoñecemento do dereito á xubilación anticipada e parcial e clarificación da xornada laboral limitada a 35 horas semanais.
A CIG-Saúde xunto coas organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE-FSES, FSS-CCOO, UGT e CSIF) denunciaron, tras a reunión mantida o día 22 de setembro co Ministerio de Sanidade para analizar os cambios introducidos no borrador do novo Estatuto Marco do persoal estatutario por parte das CCAA, que o texto quedou desvirtuado e reducido a un documento baleiro, aínda con máis carencias fundamentais das que xa viñamos denunciando, incapaz de garantir dereitos nin de mellorar as condicións laborais do persoal da Sanidade Pública.
Coa súa redacción actual, o Estatuto Marco convértese nunha simple declaración sen forza normativa, sen garantías de negociación real e sen capacidade para mellorar as condicións de traballo.
As Organizacións presentes no Ámbito advirten de que non se pode perder esta oportunidade histórica para dotar á Sanidade Pública dun marco sólido, estábel e negociado, que garanta os dereitos laborais de todas e todos os profesionais.
Por iso, CIG-SAÚDE xunto coas organizacións sindicais con representación no Ámbito de Negociación (SATSE-FSES, CCOO, UGT e CSIF) exixen ao Ministerio de Sanidade que recupere a iniciativa, corrixa de inmediato a deriva actual e blinde nesta lei a capacidade de negociación e os dereitos do persoal estatutario para os próximos anos.
De non o facer, as Organizacións anuncian que intensificarán as mobilizacións e a presión en todos os ámbitos até lograr un Estatuto Marco útil para a sanidade pública e para quen a sostén co seu traballo diario.
O vindeiro mércores día 1 de outubro ás 12horas convocase concentración diante do Ministerio!!
Novas Relacionadas
Últimas novas