
Concentración diante dos centros sanitarios sobre o Estatuto marco
- Sanidade Pública
Hoxe a CIG-Saúde concentrouse nos centros sanitarios, diante da opinión pública, para denunciar con firmeza a nova
mostra de desprezo do Ministerio de Sanidade cara ao persoal do sistema sanitario público.
O pasado 26 de maio, a Ministra de Sanidade confirmou, nunha reunión, que a nova clasificación profesional prevista no Estatuto Marco non traerá consigo ningunha actualización salarial. Esta decisión é un insulto para quen día a día
sosteñen a sanidade pública con profesionalidade, dedicación e sacrificio.
Desde a CIG-Saúde denunciamos esta postura como unha clara falta de compromiso do Ministerio coa sanidade pública e co seu persoal.
A ministra lava as mans, escudándose en que a actualización salarial non é da súa competencia, adiando unha vez máis, sen data, unha mellora imprescindible e máis que xusta.
Non é novo: xa existen hoxe múltiples categorías profesionais mal clasificadas, mal retribuídas e ignoradas. A proposta de reforma que nos presentan non soluciona esta situación, senón que a perpetúa. Unha clasificación “actualizada” que non trae consigo melloras reais é unha burla.
Desde a CIG-Saúde deixamos claro: non apoiaremos ningún Estatuto Marco que non recolla explicitamente a actualización salarial correspondente á nova clasificación profesional.
Esiximos que se recoñeza o valor real do noso traballo, da nosa formación e da nosa responsabilidade. Non aceptamos reformas que lexitimen a infra valoración económica do persoal da sanidade.
A isto súmase outro desprezo intolerable: a negativa do Ministerio de Sanidade a incluír no novo Estatuto calquera mención ao dereito á xubilación anticipada.
Unha reivindicación histórica, xusta e necesaria, nun sector que sofre un desgaste físico e emocional brutal. Esta negativa demostra, unha vez máis, o desinterese do Ministerio polas condicións de traballo do seu persoal.
Hoxe, desde aquí, esiximos:
• Unha clasificación profesional xusta, recoñecida e ben retribuída.
• A actualización salarial inmediata en función do grupo de clasificación, e equiparación co Estatuto Básico da Empregada e Empregado Público.
• O recoñecemento do dereito á xubilación anticipada para quen traballa no ámbito sanitario.
• E, sobre todo, respecto pola sanidade pública e por quen a fai posible.
Non imos calar, non imos aceptar que se reforme o papel sen tocar a realidade.