Concentración SOS mércores 12 abril

  • A Coruña
  • Sanidade Pública

No 12 de abril Dia Mundial da Atención Primaria a Organización Mundial da Saúde reitera o dereito da poboación para gozar do máis alto nivel de saúde e que a atención primaria sexa a pedra angular de sistemas de saúde para que sexan sostibles, capaces de facer fronte aos problemas de saúde, garantir a asistencia sanitaria e o acceso
universal á saúde da poboación.

A OMS fai un chamamento para que este día supoña unha oportunidade para reafirmar este dereito humano propoñendo unha serie de medidas para aplicar por todos os países do mundo:
• Promover iniciativas para fortalecer a AP e reflexionar sobre logros e vantaxes de Sanidade Pública, que mellorou a calidade de vida durante as últimas décadas

• Fortalecer e transformar os sistemas de saúde poñendo a AP como elemento central

• Comprometer á comunidade nas actividades do sistema sanitario

• Negociar os cambios necesarios entre autoridades, persoal sanitario e sociedade civil,

• Aplicar políticas multisectoriais de saúde

• Dar participación e capacidade de decisión á poboación no sistema sanitario

• Organizar os servizos de saúde de maneira integrada e centrados na atención primaria

• Renovar e potenciar os servizos de Saúde Pública.

Todas estas medidas forman parte das reivindicacións da Plataforma SOS Sanidade Pública e contan co respaldo de boa parte da poboación como se demostrou na Manifestación do 12 de febreiro na Praza do Obradoiro co apoio de mais de 50.000 persoas e no apoio á Iniciativa Lexislativa Popular para Salvar e Fortalecer a AP, que recolleu máis de 40.000 firmas.

Desgraciadamente a política sanitaria da Xunta de Galicia camiña en sentido contrario centrada en: Desmantelar a Atención Primaria; recortar orzamentos e persoal; poñer barreiras de acceso aos Centros de Saúde e PAC; abandonar a atención integral que combina a promoción, prevención e rehabilitación; someter a Atención Primaria ás
Xerencias Hospitalarias; suprimir as áreas sanitarias que permitirían coordinar os recursos sanitarios, socio-sanitarios e administracións locais; acabar coa participación social e profesional. En definitiva acabar coa Atención Primaria Pública para favorecer a privatización do sistema sanitario público e os seguros sanitarios.

A Atención Primaria Galega é aínda una das mellores do mundo, segundo as máis prestixiosas revistas sanitarias internacionais e a propia OMS, perdela suporía un desastre de consecuencias incalculables para a saúde da poboación, para todo o sistema sanitario público e para o persoal sanitario. Ningún sistema, por forte que sexa, pode
sobrevivir á falta de financiamento, de persoal e de mala organización e xestión.

É necesario incrementar o orzamento da Atención Primaria ata o 25% do total sanitario, recuperar e incrementar as plantillas de persoal, incorporar novas categorías profesionais aos equipos , mellorar a dotación e equipamento dos Centros de saúde e PAC, poñer a AP no eixo do sistema e recuperar o seu carácter participativo e Comunitario para garantir unha atención integral e actuar eficazmente sobre os determinantes da saúde.

Ata agora a resposta da Xunta de Galicia foi o silencio, o autobombo e mala xestión.

Listas de espera impresentables ou programas de citación como o XIDE, onde o paciente ten que dicir o motivo polo que quere unha consulta, diante e para os oídos de todo o mundo, son exemplos de mala xestión que hai que cambiar.

A Plataforma SOS Sanidade Pública agradece a vosa presenza nesta concentración de reivindicación no Día Mundial da Atención Primaria e convídavos a participar na próxima concentración, a realizar en cada comarca de toda Galicia o próximo día 26 de abril, en defensa da Atención Primaria Pública e en apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de Reforzo da mesma.

Na Coruña será no Obelisco ás 8 da tarde.
VIVA A Atención Primaria!
VIVA A Sanidade Pública!

Volver