Concurso de méritos: relación de persoas definitivamente seleccionadas e inicio do prazo de elección de destino
Ingreso nas categorías de persoal estatutario de enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), fisioterapeuta, logopeda e terapeuta ocupacional
- Oposicións
- Sanidade Pública
Publícase a relación de persoas aspirantes definitivamente seleccionadas no proceso selectivo de estabilización, polo sistema de concurso de méritos, para o ingreso nas categorías de enfermeiro/a especialista en enfermaría do traballo, enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía (matrón/a), fisioterapeuta, logopeda e terapeuta ocupacional, segundo a orde que, en aplicación das bases da convocatoria, se deberá seguir para os efectos da adxudicación de destino.
Abrir un prazo de dez días hábiles, do 24 de abril ao 8 de maio, para que todas as persoas aspirantes que figuran no anexo I seleccionen telematicamente, a través do Sistema de información Fides/expedient-e, os destinos ofertados por orde de prelación entre a relación de prazas ofertadas.
Tras a finalización do prazo de selección de destinos, publicarase na páxina web do Servizo Galego de Saúde (www.sergas.es) unha listaxe informativa de adxudicación de destinos.
As persoas aspirantes seleccionadas que tamén o sexan na mesma categoría (enfermeiro/a especialista en obstetricia-xinecoloxía, fisioterapeuta e terapeuta ocupacional) no respectivo proceso de estabilización convocado polo sistema de concurso-oposición, no caso de que resulten adxudicatarios/as de destino en ambos os dous procesos, tras a publicación na páxina web do Servizo Galego de Saúde da listaxe informativo de adxudicación de destino, disporán dun prazo de cinco días hábiles para optaren por unha desas dúas prazas. A dita opción deberán formalizala por escrito nun rexistro administrativo ou a través de calquera dos procedementos previstos no artigo 16 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, dirixida á Dirección Xeral de Recursos Humanos do Servizo Galego de Saúde; Edificio Administrativo San Lázaro, s/n, 15703 Santiago de Compostela.
Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderase interpor recurso potestativo de reposición, ante este órgano directivo, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa publicación, de conformidade co disposto nos artigos 123 e 124 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, ou poderase impugnar directamente, na xurisdición contencioso-administrativa, nos termos da Lei 29/1998, do 13 de xullo.