Creación de postos de Coordinadoras/es de Técnicos/as superiores sanitarios

Un paso mais para adaptar ao século XXI as estruturas directivas do Sistema Sanitario Público

  • Sanidade Pública

Na mesa sectorial do día 13 de novembro de 2020, ficou aprobado o acordo de mesa sectorial para a creación de postos de coordinadores/as de “Técnicos/as Superiores Sanitarios”.

Este acordo, 17 anos mais tarde, ven a desenvolver o acordo asinado no ano 2003 na mesa sectorial do SERGAS. Acordo polo que se iniciaba unha modificación das estruturas de xestión dos centros hospitalarios, adaptándoas á realidade dos colectivos que nela traballan

Os centros de xestión do SERGAS seguen os mesmos esquemas que os decretos xerárquicos dos anos 70 de xestión hospitalaria. Isto impide que as estruturas directivas respondan ás necesidades actuais dos colectivos, e impide, tamén, que moitos destes colectivos participen das decisións da súa profesión, do traballo que realizan, dos seus protocolos, das necesidades do número de profesionais…

Seguen a ser tutelados/as e a súa opinión ou participación é irrelevante; xa hai quen pense ou decida por eles/as...

Por iso, para a CIG-SAÚDE este acordo é importante. Agardemos que sexa o inicio dun cambio profundo na estrutura directiva, mais acorde cunha sanidade do século XXI, e que permita:

 Seguir avanzando na creación de postos de coordinación, supervisión e dirección en función da realidade actual da sanidade e da formación dos/as profesionais que nela traballan.
 Seguir avanzando na creación de postos de coordinación nas categorías de Técnicos/as Superiores e de Grao Medio, para que estes colectivos deixen de estar tutelados e poidan participar das decisións da súa profesión.
 Seguir avanzando para romper o teito de cristal dos postos de dirección que se lle atribúen as enfermeiras; este colectivo tamén segue a estar tutelado.
 Creación dun organigrama nas xerencias representativo dos colectivos que nela traballan.
 Unha nova configuración da Dirección Xeral de Asistencia Sanitaria do SERGAS e doutros postos da Consellaría de Sanidade. Para que as enfermeiras tamén poidan acceder a postos de Dirección Xeral e de Subdirección.
 A creación inmediata da Subdirección Xeral de enfermaría no organigrama da dirección xeral de asistencia sanitaria.

Queda moito camiño por percorrer, mais isto só vai ser posible coa implicación de todos os colectivos.

O importante é traballar en colaboración e coa implicación de todo o persoal, só así se conseguirá un Sistema sanitario Público máis actual.

Volver