Día mundial de prevención no suicidio. Fronte ao estigma e os prexuízos: investigación, datos e coñecemento para guiar a prevención
10 de setembro
- Sanidade Pública
O próximo día 10 será o Día Mundial de Prevención do Suicidio.
Xa ninguén parece dubidar no noso país de que o suicidio é un dos máis graves problemas de saúde pública que padecemos, nin tampouco de que é previble.
Compre salientar que os datos seguen a evidenciar unha realidade alarmante, por moito que teña mellorado. O dato que informa de trescentas persoas mortas por esta causa en Galicia en 2024 sigue a ser intolerable (11,08/100.000 habitantes, fronte ao 7,8 de media do Estado Español no mesmo período de tempo). Aínda que estea lonxe do fatídico ano 2014 cando, pola crise financieira e polas medidas aplicadas polos gobernos ante a mesma (recortes en recursos públicos e en particular na sanidade e na protección social), alcanzáronse taxas do 14,17 e chegou a 394 persoas mortas por suicidio nese ano na nosa terra.
As cifras melloraron, as condicións materiais de vida da poboación tamén, e estes son factores esperanzadores para a evolución desta cuestión. Pero persiste destacadamente un grave e ameazante problema: a imposibilidade de acceso de moita xente a unha vivenda digna. Anúnciase un novo e inquietante risco: o traslado a nivel social da intolerancia e violencia que se observa a cotío en determinadas actuacións políticas (discursos de odio, racismo, agresións ao adversario, desprezo ao outro diferente,…) con graves efectos de aumento da intolerancia na sociedade, de dano ás bases da convivencia e de risco para os mais fráxiles.
Tamén ha de chegar o día en que non se dubide nos medios políticos e profesionais de que as condicións de existencia das persoas (emprego, vivenda, convivencia, seguridade, coñecemento, acceso a información verídica e coherente, apoio social, atención sanitaria,…) son factores determinantes das decisións de suicidio; e que a promoción do diálogo e da convivencia son factores facilitadores da cohesión social e da protección fronte ao sufrimento.
É fundamental, nese senso, considerar estas condicións para comprender as traxectorias e decisións individuais e confrontar así mitos e tabús sobre este acto das persoas. Debemos situarnos no horizonte dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (obxectivo 3.4 da Axenda 2030 das Nacións Unidas) e do Plan de Acción Integral sobre Saúde Mental 2013-2030 da OMS, que formulan a redución da taxa de suicidios nun 30%.
É así que no marco deses obxectivos débese avanzar nas seguintes dimensións
- Na mellora e coñecemento dos datos sobre esta grave cuestión: síguese a presentar a información polas Administracións cun ano de retraso, incompleta, con diferencias de elaboración dos datos dun ano a outro dificultando a comparación entre períodos temporais, con datos que infraestiman o problema e cunha mera descrición sociolóxica superficial das persoas que morreron por esta causa.
- No acceso e difusión da información pública sobre a implantación e desenvolvemento dos programas preventivos.
- No sostemento da tensión informativa e a implicación dos medios de comunicación social.
- Na dotación e incremento dos recursos de atención á saúde mental e, en particular, en Atención Primaria.
- Na asignación de recursos e apoio aos Concellos para que tamén neste campo poidan materializar a súa capacidade de chegada á poboación.
- Na inversión en investigación (tanto centífica como xudicial) desta enorme cantidade de mortes violentas que, en rigor, son escasamente investigadas, co cal a día de hoxe aínda seguimos sin saber porque se suicidan as persoas (descoñecemento que é soporte dos prexuízos e dificultade para a prevención).
Nós, como dende hai xa nove anos, volvemos a convocar ao acto Badaladas para a Prevención do Suicidio que realizaremos de novo o día 10 ás 8 da tarde na Praza das Praterías de Santiago de Compostela, e ao que dende aquí te convocamos.
BADALADAS POLA PREVENCIÓN DO SUICIDIO
10 DE SETEMBRO, ÁS 8 DA TARDE
PRAZA DAS PRATERIAS
Novas Relacionadas
Últimas novas