Esiximos que a Consellaría de Sanidade acometa as reformas estruturais que a Atención Primaria necesita

As/os profesionais sanitarios queren facer ben o seu traballo, atender á poboación con todas as garantías de seguridade, só falta que o sergas tamén o queira

  • Atención primaria
  • Sanidade Pública

O persoal da Atención Primaria leva anos demandando traballar nunhas condicións dignas, con seguridade para a súa saúde e a saúde da poboación. Para isto é preciso dispor dos recursos humanos e materiais necesarios, e que a súa opinión clínica estea por riba dos intereses políticos.

Desde o 2009, vimos reclamando un plano de Atención Primaria que dea resposta ás demandas dos profesionais para poder atender con dignidade ás necesidades de saúde da poboación, fronte a isto a resposta do SERGAS foi:

• Eliminar postos de traballo na Atención Primaria, xubilacións obrigatorias aos 65 anos sen incorporar as prazas MIR para garantir a reposición.
• Eliminar as xerencias de Atención Primaria e o seu orzamento.
• Eliminar a capacidade clínica das profesionais dificultando a derivación de pacientes á atención hospitalaria e a solicitude de exploracións complementarias.

En conclusión anularon a capacidade resolutiva e colapsaron a Atención Primaria.

Coa chegada da COVID-19, todas as deficiencias da Atención Primaria agraváronse, e como consecuencia empeoráronse as condicións laborais do persoal, e sobre todo empeorouse a asistencia sanitaria que se presta.

A atención sanitaria á pandemia da COVID-19 non pode ser excluínte do resto da asistencia sanitaria que precisa a poboación.

Ás persoas que traballan en Atención Primaria sábeno e están facendo esforzos importantes para controlar a pandemia, co seguimento dos casos positivos que están nos domicilios, co rastrexo de contactos, coa solicitude de probas e información de resultados, etc. E tamén para manter o seguimento de enfermos crónicos e dar resposta ás necesidades asistenciais da poboación.

Pero a Atención Primaria xa partía dunha situación de sobrecarga e falta de recursos antes da pandemia. Na Atención Primaria chove sobre mollado!

E as novas necesidades agudizaron os problemas, o incremento das consultas telefónicas, necesarias para evitar a diseminación do virus SARS-CoV-2 entre a poboación máis vulnerable, puxeron de manifesto que as áreas administrativas dos centros tiñan uns recursos materias e humanos insuficientes, non hai persoal que poida contestar os teléfonos, e en moitos casos non hai nin teléfonos para contestar.

E o persoal de medicina de familia e de enfermaría ten as axendas cheas de citas para actividades que antes non realizaban e non teñen tempo para poder citar presencialmente, nun prazo razoable, ás persoas que o necesitan.
A Consellería de Sanidade centrou o seguimento da COVID-19 na Atención Primaria sen dotala de recursos para manter o seguimento do resto das necesidades sanitarias da poboación.

E está consentindo que se transmita á opinión pública que a situación xerada na Atención Primaria é responsabilidade dxs profesionais.

A CIG-SAÚDE esixe que, de inmediato, a Consellaría de Sanidade acometa as reformas estruturais que a Atención Primaria necesita. Reformas nas que hai consenso entre todos os sectores: profesionais, sindicais, asociacións e sociedades científicas.

O traballo xa está feito, as solucións que necesita a Atención Primaria para dar resposta á situación actual de pandemia, sen deixar de atender ao resto de patoloxías, están recollidas nas propostas que os grupos profesionais fan chegar á Administración. Só falta que escoiten e as poñan en funcionamento.

Diante disto, cal é a resposta do SERGAS? dicirlle á poboación que a solución é a “consulta telefónica”, a prestación sanitaria a través das chamadas de teléfono, para intentar maquillar a ausencia de profesionais. Intentando deste xeito responsabilizar ao persoal da situación de colapso, da imposibilidade de acceso para conseguir unha cita e das listas de agarda de máis de dez dias.

Defendemos a “consulta telefónica” como unha ferramenta máis a utilizar na prestación sanitaria, que en este momento da pandemia permite organizar a demanda, pero como unha ferramenta máis e non como a “única”. Mais esta consulta telefónica non se fai soa, precisa de profesionais co tempo suficiente, dispoñibilidade nas axendas para redirixir ás consultas presenciais, medios técnicos...

AS DIFICULTADES DE ACCESO ÁS CITAS E AS LISTAS DE AGARDA CONFIRMAN O IMPORTANTE DEFICIT DE PERSOAL E DE MEDIOS NA ATENCIÓN PRIMARIA.

Ante esta grave situación, desde CIG-SAÚDE esiximos ao SERGAS:

• A publicación das conclusións dos grupos de traballo constituídos por profesionais da sanidade pública, e que o SERGAS dea cumprimento as súas propostas de mellora da Atención Primaria.
• O incremento da cantidade dedicada á Atención Primaria nos orzamentos para dar cumprimento ás propostas dos grupos de traballo.
• A modificación do Decreto que regula as Areas Sanitarias e os Distritos Sanitarios para crear unha verdadeira estrutura de xestión da Atención Primaria.
• A negociación dun verdadeiro plano de Ordenación de RRHH que de resposta ás necesidades actuais e futuras de tódalas categorías da Atención Primaria.
• A creación de prazas novas nos Centros de Saúde que viven situacións máis críticas, en cantidade suficiente para que repercuta no tempo da atención e na calidade asistencial.
• En definitiva, que escoite ás profesionais da Atención Primaria.

Desde CIG-SAÚDE non imos cesar até conseguir estas reivindicacións, UTILIZAREMOS TODAS AS MEDIDAS DE PRESIÓN NECESARIAS, non imos consentir que a situación se empeore día a día responsabilizando as/os profesionais da situación.

Volver