Información da Mesa Sectorial
CTAP, pacto de contratacións, OPE dietistas- nutricionistas, persoal investigador estatutario...
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
PACTO DE CONTRATACIÓNS
O SERGAS ratificou na mesa sectorial a proposta de aplicar a excepcionalidade recollida no pacto de selección temporal, eliminando o requisito de 1 ano de servizos prestados como persoal fixo para o acceso á promoción interna temporal nas categorías deficitarias (enfermeiro/a, matrón/a e enfermeiro/a especialista).
CIG-Saúde solicitamos que a eliminación do requisito de 1 ano se aplicara xa a todas as categorías. Consideramos unha oportunidade perdida que o SERGAS se negue a incorporar xa esta medida coa que estamos de acordo tanto as OOSS coma a Administración, retrasando a súa implantación á negociación do novo pacto de selección temporal.
OPE DIETISTAS-NUTRICIONISTAS
O SERGAS informa de que proximamente remitirannos unha proposta de temario para a futura convocatoria de OPE.
Informan que teñen previsto incluír as prazas na Oferta de emprego público do ano 2025 e que a convocatoria do concurso-oposición terá lugar antes de que remate o ano 2026.
CONCURSO DE TRASLADOS ABERTO E PERMANENTE
So se trata o cadro de prazas a ofertar no CTAP para o ano 2025 nas categorías de Médico/a de familia e FEAP. O resto de categorías iranse tratando segundo vaian resolvéndose as OPES de estabilización.
CIG-Saúde denunciamos que as Xerencias están utilizando o CTAP para realizar reestruturacións das prazas sen negocialas coas xuntas de persoal/comisións de centro, negándose de forma sistemática a facilitar información, cambiando as quendas das prazas, e fusionando prazas de varios centros.
CIG-Saúde denunciamos a reconversión de prazas de médicos/as de familia en prazas de FEAP que se está producindo neste momento, sobre todo nalgunhas xerencias. Para CIG isto é significativo e indicativo de un cambio de modelo na atención primaria por parte da Consellería, e deixamos clara a nosa posición en contra da categoría de FEAP, tal e como vimos facendo dende que se creou a categoría.
CIG-Saúde insistimos na nosa solicitude de eliminación do requisito de 1 ano para poder participar no CTAP e tamén que as prazas a ofertar sexan as prazas vacantes a 31 de decembro estean ocupadas ou non con persoal interino.
CREACIÓN DA CATEGORÍA DE PERSOAL INVESTIGADOR ESTATUTARIO
CIG-Saúde reiteramos a nosa solicitude de crear as categorías A2 e C1 de persoal investigador, que xa existen e que van consolidar a praza fixa na OPE de estabilización. O SERGAS négase.
CIG-Saúde solicitamos que os dous tipos de persoal investigador recollidos no Decreto tiveran as mesmas retribucións que o persoal FEA. O SERGAS négase.
CIG-Saúde solicitamos que pago do CPV (obxectivos) tivera efectos do 1 de xaneiro do 2026, e non do 2027. O SERGAS négase.
O SERGAS recolleu diversas das alegacións presentadas por CIG-Saúde. Quedaron en enviar un novo documento coas incorporacións. Posteriormente iniciarase o trámite parlamentar para a súa aprobación.
OUTROS TEMAS
CIG-Saúde preguntamos polo concurso específico de enfermaría familiar e comunitaria. O SERGAS informou de que previsiblemente farán unha proposta no mes de xullo.
CIG-Saúde preguntamos pola aplicación da sentenza do Tribunal Supremo sobre as vacacións cotizadas e non desfrutadas en relación aos trienios.
- O SERGAS confirma que xa se emiten os certificados de Servizos previos incorporando os días de vacacións cotizadas e non desfrutadas.
- O SERGAS confirma que non poderán recoñecer de oficio ao persoal fixo os trienios incorporando estes días, ata despois do verán.
CIG-Saúde solicitamos que dende o SERGAS emitan unha instrución ás xerencias indicando que teñen que realizar os cómputos de xornada a todo o persoal.
- Denunciamos que as xerencias néganse a realizar cómputos de xornada ao persoal con quenda fixa de mañá ou de tarde, que non recoñecen a xornada anual de 1533 horas anuais para este persoal, e que non recoñecen os excesos de xornada que estas persoas poidan ter.
Novas Relacionadas
Últimas novas