Información da Mesa Sectorial do 10 de xuño de 2025
FP dual, protección da maternidade, coordinadores técnicos/as, outros temas...
- Mesa Sectorial
- Sanidade Pública
1.Información sobre as alegacións á modificación da Lei de Saúde de Galicia.
CIG-Saúde defendemos na reunión de hoxe as alegacións presentadas e reincidimos na importancia da coordinación das actividades empresariais do SERGAS coas empresas subcontratadas polo SERGAS.
Tamén incidimos na importancia da prevención de riscos non só no SERGAS senón tamén naquelas empresas que prestan servizo a este.
CIG-Saúde denunciamos que os servizos de UPRL non teñen capacidade para asumir todo o que se pretende recoller na lei de saúde e que isto fai necesario o incremento do persoal dos servicios de prevención.
2.Información sobre as medidas adoptadas pola Consellería de Sanidade na interrupción do subministro eléctrico do 28 de abril de 2025, e propostas de mellora.
O 28 de abril de 2025 produciuse un apagamento total en Galicia que afectou á electricidade e ás comunicacións durante máis de 12 horas. Esta situación impactou gravemente no sistema sanitario, especialmente en centros sen xeradores eléctricos. A caída das comunicacións dificultou a coordinación entre o 061, os PACs e os hospitais. As aplicacións informáticas sanitarias deixaron de funcionar, afectando a historia clínica e a xestión de medicamentos.
A crise evidenciou a importancia de reforzar a Rede TETRA como sistema alternativo de comunicación para emerxencias.
CIG-Saúde propuxo unha serie de medidas para buscar mellorar a comunicación e garantir a operatividade sanitaria ante apagamentos. Reforzar a cobertura da rede actual e instalar xeradores en antenas clave. Propúxose dotar con equipos TETRA portátiles e fixos ao persoal de ambulancias, PACs e hospitais. A elaboración de protocolos que deben ser coñecidos por todo o persoal. Ademais, proponse un sistema de radiofrecuencia interna nos hospitais para asegurar a cobertura en interiores.
3.FP Dual – Técnico/a superior en imaxe para o diagnóstico.
CIG-Saúde tiña solicitada a inclusión deste tema na Mesa Sectorial para que o persoal que realiza esta formación durante o tempo que se realicen as prácticas teña unha reserva da súa praza.
Acórdase a reserva do posto tanto para o persoal fixo coma o temporal.
Acórdase que o tempo durante o que se realicen as prácticas desta formación Dual computará a efectos de antigüidade e de carreira profesional.
Acórdase o cobro dos trienios e carreira profesional que tiveran recoñecidos durante a realización das prácticas.
4.Protección da maternidade, reserva de nomeamento: suposto no que xa hai un vínculo activo.
Este tema incluíuse logo dunha incidencia denunciada pola CIG-Saúde na oferta de vacantes como mellora de contrato a mulleres embarazadas que estaban de baixa médica.
CIG-Saúde solicitou que se aborde este tema e esixiu que as mulleres embarazadas se lles respecte o dereito ao emprego e a retribucións nas mesmas condicións que o resto do persoal.
O SERGAS comprométese a traer unha proposta na próxima Mesa Sectorial sobre este tema para que as mulleres embarazadas teñan a mesma consideración en canto a prestación do servicios prestados e retribucións que se non estiveran embarazadas.
5.Información relativa ás prazas de coordinadores/as técnicos/as.
O SERGAS informa de que nas áreas sanitarias no 2021 había 9 prazas orzamentadas, e que este ano 2025 hai 32 prazas.
CIG-Saúde solicitamos coñecer as prazas por áreas sanitarias e entidades adscritas, e tamén por especialidades.
CIG-Saúde recordamos que había un compromiso no 2021 de negociar un complemento retributivo para este colectivo acorde ás súas funcións e responsabilidades, polo que solicitamos que sen máis demora se aborde este tema na mesa sectorial.
6.Outros temas
Previsión dos procesos OPE de estabilidade:
- Para a semana, serán as tomas de posesión do persoal diplomado sanitario.
- Día 11 de xuño, están citados/as presencialmente varias categorías de FEAS para elección de destino en segunda volta.
- Este mes de xuño, publicación da nova baremación do concurso de méritos de técnicos/as sanitarios/as.
- Este mes de xuño, publicación da baremación da fase de concurso de persoal médico de familia.
CIG-Saúde denunciamos a contratación de técnicos/as superiores en documentación sanitaria por parte da Dirección Xeral de Saúde Pública para o Proxecto GALFLU, a través de SERVIMOBIL. CIG-Saúde defendemos que hai aspirantes dispoñibles nas listas de contratación do SERGAS e que esta codificación tiña que facerse con persoal estatutario.